Dende o proxecto Trasno, Leandro Regueiro, coordinador do equipo de tradución ao galego do escritorio Xfce, informa que o pasado domingo 16 de xaneiro, logo de máis de dous anos de desenvolvemento, anunciouse a publicación da versión 4.8 do escritorio Xfce.
E unha vez máis, como nos vimos acostumando a repetir durante este último ano, o traballo e esforzo dos voluntarios do Proxecto Trasno permite manter o idioma galego no máis alto nivel de tradución deste escritorio para Linux. Así, como se pode ver na estatísticas recollidas no servidor de traducións de Xfce, o galego conta cun 90% traducido sendo a segunda lingua tan só por detrás do italiano.

Segundo relata Leandro, esta versión de Xfce é a primeira en incluír unha completa revisión das traducións para cumprir cos acordos terminolóxicos adoptados na primeira Trasnada’10 celebrada en Ordes o pasado ano.
En concreto realizáronse máis de 600 cambios puntuais dos cales a maior parte consistiron en substituír «fiestra» por «xanela» e «command» por «orde». Este traballo de revisión e homoxeneización vén de completar a revisión iniciada hai dous anos polo Proxecto Trasno para uniformizar a terminoloxía usada na tradución de Xfce. Ademais das importantes melloras na calidade e homoxeneidade das traducións consonte aos últimos acordos adoptados respecto á terminoloxía, tamén se incrementou o número de traducións tanto do núcleo de Xfce como dos seus complementos e aplicativos.
Xfce é un contorno de escritorio para Unix e outros sistemas operativos baseados nel como Linux, Solaris ou BSD ao igual que os coñecidos GNOME ou KDE. A diferencia máis importante con estes é que se trata dun escritorio rápido e lixeiro que mantén ao mesmo tempo especial coidado no aspecto visual e na facilidade de uso.
Esta nova versión estable actualiza todo o código base aos novos frameworks dos escritorios actuais publicados nos últimos anos coa intención de achegar o escritorio Xfce ás distribucións modernas, así como actualizacións en boa parte dos aplicativos, novos aplicativos, máis complementos, melloras no sistema de configuración, e incluso versións reescritas desde cero de algúns dos aplicativos existentes. Na nota de publicación oficial resáltase a facilitación do labor de tradución desde hai un ano ca implantación dun servidor Transifex propio, que aumentou o número das contribucións realizadas.
Fonte: Trasno
