Mancomún

Dispoñible en lingua galega o xogo de estratexia The battle for Wesnoth

Xoves, 20 Xaneiro 2011

Segundo nos contan dende Trasno, o núcleo e maila documentación do xogo de estratexia A batalla por Wesnoth están completamente traducidos ao galego.

A batalla por Wesnoth

O 9 de xaneiro do 2011 completouse a tradución e revisións do núcleo de A batalla por Wesnoth, conformado por máis de 3300 cadeas. Durante a revisión dos ficheiros de tradución, fíxose especial fincapé en empregar o vocabulario acordado durante a Trasnada ’10, se ben hai que dicir que as traducións existentes xa se adaptaban bastante ben aos criterios escollidos na Trasnada, e non fixeron falla grandes cambios ao respecto. Foron de especial axuda as regras desenvolvidas por Marce Villarino para a detección de posibles casos mediante a ferramenta Pology de KDE.

Na web de estatísticas de tradución do xogo pode verse a lista das linguas en que está dispoñible o núcleo do xogo, ocupando o galego o primeiro posto. Aquí pode verse o estado de toda a tradución ao galego (o núcleo confórmano os primeiros nove ficheiros).

Estatísticas de tradución do xogo
Posteriormente ao fito de completar a tradución do núcleo, publicouse a versión 1.9.4 do xogo. A póla 1.9 é o que se chama unha “póla de desenvolvemento” polo que aínda que se pode ir traducindo durante o desenvolvemento é posible que aparezan cadeas novas por traducir durante o proceso. Así, xusto antes de publicar esta nova versión actualizáronse os ficheiros de tradución con novos cambios nos textos en inglés, polo que algunhas das mensaxes da axuda do xogo aparecerán en inglés a pesares dos esforzos. Pero as traducións deses textos xa se enviaron, pouco despois da publicación desta versión, e estarán sen dúbida listas para a publicación da versión estable final, a 1.10, para a que aínda non hai planificada unha data de publicación.

Logo da publicación da versión 1.9.4 enviáronse tamén as revisións realizadas na documentación do xogo que comprende as páxinas man e o manual web.

Agora, no que respecta aos ficheiros oficiais do Wesnoth, só resta revisar a tradución das campañas e, finalmente, traducir as imaxes (que ata o momento non se traduciron nunca ao galego). Posteriormente barallarase a posibilidade de traducir tamén as campañas non oficiais.

Repercusión da tradución no desenvolvemento do xogo

A mellor parte de ter o núcleo completamente en galego é que resulta moi doado detectar erros de internacionalización, calquera texto que non apareza traducido no xogo e non sexa unha campaña (a documentación é allea á parte gráfica do xogo) é probablemente porque non está correctamente internacionalizado. Foi así como se detectou este pequeno erro. Os desenvolvedores do xogo solucionárono en menos dunha hora, e as novas cadeas froito desa corrección xa foron tamén traducidas ao galego. Nos últimos días ademais solucionouse outro dos erros do xogo dos que informara o equipo de tradución ao galego, confirmouse outro, e informouse dun terceiro relacionado co manual interno do xogo.

Isto foi consecuencia do propio proceso de tradución, que esixe fixarse en todos os detalles, e que como se pode comprobar acaba axudando directamente ao propio desenvolvemento do xogo.

Todo aquel que desexe colaborar na tradución do xogo pode facelo consultando a páxina de A batalla por Wesnoth en Trasno.

Fonte: Trasno

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal