Onte, a Document Foundation anunciou a dispoñibilidade da nova versión da suite ofimática libre LibreOffice 3.5. que achega aos usuarios todas as melloras derivadas da estratexia de desenvolvemento adoptada en Setembro de 2010 cando naceu esta suite ofimática.
E por suposto está dispoñible integramente en galego grazas ao excelente traballo da comunidade de tradución ao galego de LibreOffice coordinada por Antón Méixome.
LibreOffice 3.5 é o resultado do esforzo combinado de desenvolvedores a tempo completo – o maior grupo de desenvolvedores experimentados de OpenOffice.org – e desenvolvedores voluntarios, coordinados polo Engineering Steering Committee. Durante 16 meses, unha media de 80 desenvolvedores foron quen de facer mensualmente 30.000 modificacións ao código, introducindo así novas e interesantes funcionalidades á suite entre as que destacan importantes melloras á hora de importar ficheiros con formatos non estándar provintes de MsOffice.
Ademais a nota da publicación destaca as seguintes funcionalidades:
Writer
- novo corrector gramatical integrado para o Inglés e outras linguas
- melloras nas funcionalidades tipográficas dirixidas a ofrecer un aspecto profesional aos documentos
- xanela interactiva de contaxe de palabras que se actualiza en tempo real
- nova interface para a xestión de cabeceiras, pes de páxina e saltos de páxina
Impress / Draw
- melloras no filtro de importación de formas e Smart Art de PPT/PPTX
- nova funcionalidade de paletas de cores/multimedia embebidas en documentos ODF
- nova interface de visualización para o modo de presentación
- novas finais de liña para obter mellores diagramas
- filtro de importación de Microsoft Visio
Calc
- capacidade de ata 10,000 follas
- nova área de entrada multi-línea
- novas funcións de Calc segundo as especificación do estándar ODF OpenFormula
- mellores resultados ao importar ficheiros doutras suites ofimáticas
- posibilidade de seleccións múltiples nos autofiltros
- número ilimitado de regras nos formatos condicionais
Base
- novo driver nativo integrado para PostgreSQL
Ademais, por primeira vez na historia de LibreOffice, inclúese a busca automática de actualizacións que informa ao usuario cando está dispoñible unha nova versión da suite.
Caolán McNamara, un desenvolvedor senior de RedHat e un dos fundadores da TDF di “Herdamos 15 anos de código, con características non desenvolvidas e erros non corrixidos para evitar crear problemas, o que co tempo foi orixe de largos debates técnicos. Tiñamos dúas opcións: a estratexia conservadora, que agradaría a todos os usuarios, deixando o código practicamente sen cambios e un camiño máis agresivo de desenvolvemento de novas funcionalidades e renovación do código, que pode crear problemas de estabilidades a curto prazo pero que pronto levaría a unha completamente nova e substancialmente mellorada suite ofimática libre: LibreOffice 3.5, a mellor suite ofimática libre de todos os tempos.”
Michael Meeks, enxeñeiro destacado de SUSE tamén fundador e director da TDF comenta “En 16 meses, acadamos resultados incribles con case 300 novos desenvolvedores no proxecto atraidos pola licenza copyleft, a falta de necesidade de asinar unha cesión de copyright e un contorno de traballo agradable. Ademais das funcionalidades visibles, traduciron decenas de miles de comentarios escritos en alemáns, eliminaron miles de liñas de código non usadas e oboletas e construíron unha batería de probas automáticas. Aínda que temos un longo camiño a percorrer, os usuarios, que moitas veces se queixaron polos problemas de inestabilidade alleos a toda esta problemática técnica coa que se está a loitar, poden agora beneficiarse dunha suite máis rica”.
LibreOffice 3.5 é a primeira versión onde a contribución de asociacións e comunidades locais como a ALTA de Brazil, recibiron o seu recoñecemento e agradecemento. TDF está promovendo a creación dun ecosistema global, aberto e diverso onde empresas, asociacións, comunidades locais e voluntarios compartan os obxectivo común de acadar a mellor suite ofimática libre.
TDF invita aos usuarios avezados a instalar LibreOffice 3.5, mentres aconsella aos máis conservadores que se manteñan usando a rama LibreOffice 3.4 para evitar posibles problemas de inestabilidade debidos á cantidade de cambios realizados. É recomendable tamén que os usuarios menos expertos, agarden a que a súa distribución GNU/Linux actualice de versión o paquete LibreOffice.
A TDF recomenda así mesmo encarecidamente que os usuarios corporativos que vaian despregar LibreOffice o fagan co respaldo profesional dunha compañía capaz de asistilos coa migración, coa formación e atención aos usuarios finais e co mantemento. En breve a Document Foundation proporcionará unha lista de organizacións certificadas para prover servizos profesionais.
