Mancomún

Dispoñible Ubuntu 10.10 100% en galego

Luns, 11 Outubro 2010

Comunidade de voluntarios de tradución ao galego de Ubuntu Non podemos comezar esta nova senón cos nosos parabéns ao equipo de localización ao galego de Ubuntu xa que veñen de acadar un fito histórico.

A Ubuntu 10.10, publicada o pasado 10-10-10, anunciada como un 10 perfecto, acadou por primeira vez o nivel do 100% de tradución ao galego, superando así o 86% que xa acadaran na pasada versión LTS.

E o máis merecedor de recoñecemento, como xa destacamos cando a publicación da Ubuntu LTS 10.04, non é só a cantidade, senón tamén a calidade da tradución na que nos últimos tempos o equipo de localización está poñendo especial énfase levando a cabo unha ardua tarefa de supervisión de traducións pasadas, corrección, control de coherencia terminolóxica e de estilo e coordinación cos equipos de traducións dos distintos proxectos, aplicativos, … que conforman Ubuntu.

Se queres formar parte deste equipo tes unha boa oportunidade no 1º festival de tradución de software libre ao galego que se celebra este sábado na localidade de Ordes.

Novidades de Ubuntu 10.10

  • Melloras no Centro de software de Ubuntu que proporciona acceso aos usuarios a miles de aplicativos, xogos e ferramentas, incluíndo agora tamén a posibilidade de adquirir dende el aplicativos comerciais. A comunidade Ubuntu está poñendo o seu foco en atraer aos desenvolvedores e editores de software para que fagan que o seu traballo estea dispoñible para os usuarios de Ubuntu.
  • Redeseño do Instalador Ubiquity para ser máis sinxelo de empregar así como para facilitar a instalación de drivers e a descarga de actualizacións durante a propia instalación.
  • Incorpora o escritorio GNOME 2.32, con todas as súas novidades.
  • Actualización do xestor de información persoal (correo, contactos, axenda, …) Evolution á versión 2.30 que funciona moita máis rápido que as versións anteriores.
  • Substitución do aplicativo empregado para a xestión das fotografías, o escollido desta volta é Shotwell.
  • O aplicativo que integra todas as comunicacións coas redes sociais, Gwibber, actualizouse para incorporar o novo sistema de autenticación modificado recentemente en Twitter’s e tamén para mellorar o seu rendemento.
  • O menu de son tamén mellorou incluíndo controis para os reprodutores de música.
  • Finalmente, o servizo Ubuntu One, que na súa versión básica, proporciona 2GB de almacenamento na nube de xeito totalmente gratuíto, mellorou a súa integración co escritorio grazas a novos procesos de inicio de sesión, melloras no Nautilus para xestionar as preferencias de sincronización dos cartafoles, aumento da velocidade de sincronización e a capacidade de compartir ligazóns á música dentro do Ubuntu One Music Store.
  • Nova interface na versión de Ubuntu para Netbooks.

Interface de Ubuntu Netbook edition

Pódese descargar a nova versión de Ubuntu 10.10 de xeito totalmente gratuíto seguindo as instrucións da páxina http://www.ubuntu.com/getubuntuescritorio GNOME 2.32 ou ben directamente dende o mirror da UDC.

Tamén pode solicitarse o envío dunha copia do CD dende https://shipit.ubuntu.com/ se non dispón dunha conexión a internet de calidade.

Máis información sobre as características que fan de Ubuntu unha das distribucións máis completas e sinxelas así como as notas completas da última versión.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal