A gama de computadores persoais coñecidos como “ultraportátiles”, ou “netbooks” está a experimentar nos últimos tempos unha grande expansión. Moitos consumidores decántanse por unha solución pequena e lixeira á hora de adquirir un computador, fronte a outras solucións como poden ser un computador de sobremesa ou un portátil clásico.
No eido dos ultraportátiles, os sistemas baseados en GNU/Linux están tamén a gozar dun éxito sen precedentes: hai quen cifra a cota de mercado destes sistemas en máis do 30% dos netbooks. E, grazas ás tremendas opcións de personalización que ofrecen os sistemas baseados en GNU/Linux, xurdiron moreas de distribucións especialmente adaptadas ao hardware e ás características destes dispositivos.

No blog junauza.com atopamos unha entrada na que se fai un rápido repaso por dez distribucións GNU/Linux orientadas ao seu uso en ultraportátiles. Estas distribucións son as seguintes:
Ubuntu Netbook Remix (UNR)
Ubuntu netbook Remix é unha distribución optimizada para netbooks patrocinada por Canonical e baseada en Ubuntu. Está dispoñíbel dende a publicación de Ubuntu 8.04 “Hardy Heron”. Esta distribución ven preinstalada (opcionalmente) en certos netbooks, como o Dell Inspiron Mini 10v ou o Toshiba NB100, e tamén pode executarse en dispositivos populares como o Acer Aspire One ou o ASUS Eee PC. Canonical colaborou con Intel e está a traballar con varios fabricantes para incluir Ubuntu nos seus netbooks.
Moblin
Moblin (Mobile Linux) está construído arredor do procesador Atom de Intel, con compilacións deseñadas para minimizar os tempos de arranque e o consumo de enerxía. Hai versións de Moblin con compatibilidade con outros chipsets baseados no conxunto de instrucións SSSE3. Algúns produtos baseados en Moblin poden ser un netbook de Foxconn e un “smartphone” de InvenTech. Acer xa ten anunciado á súa vez que substituirá Linpus Linux por Moblin nos seus ultraportátiles Aspire. Dell tamén comezou a aceptar pedidos para o seu Ubuntu Moblin Remix. Mandriva tamén comezou a ofrecer a versión Moblin v2 a os propietarios de netbooks coa distribución Mandriva
Easypeasy (anteriormente Ubuntu Eee) é unha das moitas distribucións para ultraportátiles baseadas en Ubuntu. É coñecida por ofrecer software privativo en vez de alternativas libres, segundo os seus desenvolvedores, por razóns de funcionalidade. Está deseñado especialmente para funcionar ben cos dispositivos Asus EeePC
Eebuntu fíxose orixinariamente para a serie de ultraportátiles Asus EeePC e funciona sen modificacións nos modelos ASUS Eee PC 700, 701, 900, 900A, 901, 904HD, 1000, 1000H, 1000HA, 1000HD e 1000HE. No entanto, outros dispositivos coma o Samsung NC10, o Acer Aspire One, ou o Mini de Dell son compatíbeis con pequenos problemas. Eeebuntu está dispoñíbel en 4 variantes: Standard, NBR, BASE e LXDE.
Linux4One é unha distribución baseada en Ubuntu deseñada especificamente para a serie de netbooks Acer Aspire One. Para conseguilo, inclúe un núcleo modificado e os controladores axeitados, así como certos axustes a ficheiros do sistema para mellorar o rendemento. Existen dúas variantes: a “Standard" que usa o contorno GNOME, e a "Lightweight", que emprega LXDE.
CrunchEee é unha versión de CrunchBang Linux desenvolvida para o Asus EeePC. É moi similar á edición “Lite” de CrunchBang, pero inclúe unha serie de aplicativos para Internet, así como un núcleo Linux e certos scripts específicos. Algún dos aplicativos incluídos en CrunchEee son Transmission, Firefox, VLC, Pidgin…
Kuki Linux é unha distribución lixeira baseada en Ubuntu desenvolvida como unha alternativa a Linpus OS, baseado en Fedora e distribuído co Aspire One. O seu obxectivo principal é ofrecer aos usuarios a posibilidade de instalar un sistema operativo que será totalmente compatíbel a nivel de hardware co Acer Aspire One. Kuki Linux emprega Xfce como contorno de escritorio predeterminado.
Linpus Linux Lite é a versión máis rápida e lixeira de Linpus Linux, e é totalmente compatíbel co Acer Aspire One e con netbooks Gecko de Northtec. Ademais do sistema operativo de código aberto, inclúe algún shareware específico de Acer. Por iso non se considera un sistema operativo completamente libre.
Jolicloud (actualmente en desenvolvemento e nas primeiras probas) esta construído sobre Debian e Ubuntu 9,04. emprega paquetes baseados en Prism de Mozilla e no Ubuntu Netbook Remix de Canonical para ofrecer un contorno linux centrado na Web, e moi amigábel para o usuario.
Aínda que a versión estábel de Google Chrome OS non aparecerá ata a segunda metade do ano que ven, xa está a dar signos de chegar a dominar algún día o mercado de ultraportátiles. O sistema en si é certamente moi similar ao navegador Google Chrome, pero con separadores para os aplicativos baseados en web máis frecuentemente empregados.
