A través de Trasno e Miguel Bouzada, tradutor e co líder do equipo de tradución de ownCloud, coñecemos que a nova versión ownCloud 6 virá cunha excelente novidade, a edición colaborativa de documentos odt, e que ademais estará dispoñible en galego como xa estaba owncloud 5.
O sistema Owncloud, do que xa vos falamos en anteriores ocasións, é unha solución para dispoñer dun servizo de almacenamento e compartición segura de ficheiros na “nube” como documentos, gráficos, música, etc. Nesta nova versión, segundo conta o propio desenvolvedor, incorpóraselle unha nova funcionalidade, denominada «Documentos ownCloud» coa que varias persoas poderán navegar ao mesmo tempo nun mesmo documento con diferentes cursores, e os cambios feitos por cada un dos diferentes usuarios veranse en diferentes cores. Cada usuario será identificado polo nome e pola imaxe avatar introducida en ownCloud 6.
«Documentos ownCloud» formará parte do ownCloud 6 e estará dispoñible en galego. O equipo de tradución integrado por varios membros de Trasno así como outros tradutores voluntarios atraidos pola utilidade deste software leva traballando silandeiramente desde hai varios meses. A coordinación deste traballo faise a a través do sistema de tradución en liña Transifex.
Esta nova funcionalidade é o resultado da integración en ownCloud do desenvolvemento baseado en WebODF de KO GmbH ao que houbo que engadir unha nova infraestrutura ownCloud para cargar, gardar, compartir documentos e un sistema para distribuír os cambios do documento.
Esta característica é especial en varios aspectos:
- Funciona unicamente no noso servidor. Non hai comunicación con servizos centralizados como Google; polo que os nosos datos sempre están protexidos contra calquera vixilancia externa.
- Non se introducen novos requisitos no servidor. Abonda con botar andar o ownCloud e poñer un documento na raíz de documentos do servidor web e xa temos o noso propio servidor de edición colaborativa. Isto é moito máis doado de instalar e executar que, por exemplo Etherpad.
- Todos os documentos baséanse en ficheiros ODT aloxados no noso ownCloud. Isto significa que podemos sincronizar os nosos documentos no escritorio e abrilos co LibreOffice, Calligra, OpenOffice ou Microsoft Office 2013 en paralelo. Ou podemos acceder a eles a través de WebDAV, se o prefirimos. Ademais temos a vantaxe engadida de dispoñer de controlo de versión proporcionado por ownCloud, cifrado, recuperació, etc
- Todo o código é software completamente libre. O PHP e os compoñentes de JS publícanse baixo a licenza AGPL.
Polo momento o que está dispoñible é tan só a primeira versión desta gran función e non é compatible con todos os elementos ODT, mais están traballando en mellórala considerabelmente no futuro. O equipo de desenvolvemento de ownCloud anuncia que vai investir dun xeito moi especial nisto porque están convencidos de que se trata dunha característica moi importante, e que é moi útil para a xente.
Pode atoparse máis información sobre esta función, incluíndo un vídeo de demostración e todas as outras novas características do ownCloud 6 aquí:
É posible descargar e probar xa esta funcionalidade coa versión ownCloud 6 beta 1
ownCloud é construído por unha gran comunidade cun proceso de desenvolvemento completamente aberto. Todos son benvidos a unirse a eles e axudar a construír software que pode protexer a todos nós da vixilancia externa. Se quere que o mundo sexa un pouco mellor, únase ao equipo de https://owncloud.org.
