Segundo explicaron dende a dirección xeral de Innovación Tecnolóxica Educativa trátase dun sistema de información xeográfica resultado dunha adaptación da ferramenta gvSIG desenvolvida pola Consellería de Infraestruturas e Transporte da propia comunidade valenciá. As súas características máis destacábeis son a facilidade para desenvolver materiais cartográficos ou a posibilidade de elaborar mapas históricos ou temáticos interactivos. Ademais EduSIG dálle unha visión didáctica á simple navegación cartográfica xa que o alumnado con esta ferramenta pode, por exemplo, relacionar a toponimia con elementos xeográficos, identificar formas xeográficas, analizar as causas naturais que dan lugar ás divisións comarcais ou municipais, etc. Tamén inclúe xogos como o de Identificación de Municipios da Comunidade e pretenden estender o seu uso nun futuro inmediato a outras áreas como o ensino da historia, estatística, economía ou socioloxía.
O pasado 4 de decembro, no transcurso das 4as xornadas gvSIG celebradas no Palacio de Congresos de Valencia presentouse esta aplicación ao tempo que se presentaba tamén unha adaptación dela para o Cabildo Insular de La Palma grazas a que se trata dunha aplicación libre con licenza GPL.
Fonte: EscolaLLiurex
