
Trátase do proxecto EIRO, un kit de robótica educativa para a montaxe dun robot humanoide programable de código aberto baseado na plataforma Arduino con pezas fabricadas mediante impresión 3D, cuxo firmware e guía de uso serán publicados tamén con licenza libre.
EIRO é un proxecto que permite salvar as limitacións impostas polos fabricantes de robots convencionais, dado que a esencia Open Source posibilita a súa modificación con total liberdade. Así o usuario poderá modificar se o desexa tanto o seu deseño estrutural, como a súa arquitectura hardware e o seu código interno.
O proxecto está en fase de despegue e para iso acaba de estrear unha campaña de financiamento na plataforma de crowdfunding Goteo. Trátase de acadar o pulo económico minimamente necesario para levar a cabo a tarefa de construír este robot netamente Open Source feito en Galicia destinado ao ámbito do ensino e a aprendizaxe, así como a creación das apps educativas para o seu uso, das guías de aprendizaxe, do packaging.
En comparación con outras propostas de robots educativos baseados en software e hardware libre como pode ser o Escornabot, que está integramente deseñado e promovido pola comunidade, neste caso a empresa Neukos Robotics, pretende crear a infraestrutura para facilitar o uso e adquisición de robot de forma comercial así como a elaboración de material didáctico.
Analizando os prototipos amosados no cartafol do proxecto, chama a atención o deseño do robot pola súa clara inspiración no traxe tradicional de baile galego, "de aí que as pezas do robot fagan uso das cores negra, vermella e branca", ademais, "a incorporación dunha peza de cinto vermello a modo de faixa e a estética da cabeza que recorda o estilo do chapeu utilizado en neste baile" complementan a esencia das vestimentas galegas de baile tradicional.

Pero non todo queda no deseño, en EIRO "a filosofía Open Source está presente no deseño funcional, tanto do hardware como do software. Todo o firmware do robot establécese como software libre, a aplicación Android que fai de control remoto do robot tamén será código aberto e, máis aló, toda a documentación relacionada co dispositivo será publicada baixo licenzas Creative Commons".
Respecto das características funcionais, EIDO é un kit composto polas seguintes pezas:
- Placa compatible con Arduino
- Placa de expansión
- Sensor de ultrasónicos
- Zumbador
- Sete servos
- LED RGB
- Módulo Bluetooth
- Cable conexión al PC
- Pezas estrutura robot
- Guía de montaxe
- Guía educativa

Non cabe dúbida ao respecto de que EIRO nace cunha forte vocación didáctica dado que se presenta coma un kit de montaxe educativo baseado na idea de que "a construción dun robot constitúe un estímulo tanto para nenos como adultos, fomentando o interese polas ciencias". A utilización deste recurso tecnolóxico, pode permitir a través do xogo, o desenvolvemento de competencias como a autonomía, iniciativa, responsabilidade e traballo en equipo.
Acerca de Neukos Robotics
Neukos Robotics é unha empresa galega nada en Decembro do 2014 coa misión de "achegar o mundo da robótica máis preto de todas as persoas e sectores". Actualmente está establecida no viveiro de empresas da Cámara Oficial de Comercio, Industria y Navegación de Santiago de Compostela. Neukos Robotics está adicada ao desenvolvemento de produtos e prestacións de enxeñaría e I+D na área da robótica, electrónica e software de última xeración.
Particularmente, destaca a formación do equipo de traballo do proxecto EIRO que está formado a partes iguais por dúas mulleres María Mercedes Monroy Cardoso, socia fundadora de Neukos Robotics, e María Cristina Abad Alonso coma Directora de Arte do produto EIRO, e polo tamén cofundador Marcos Alonso Martinez e o videógrafo Víctor Manuel Vigo Prieto, conformado un grupo multidisciplinar con experiencia no desenvolvemento de diversos traballos no campo da robótica, electrónica, programación e deseño.
