Mañá comeza na Coruña o Eneboo Summit 2014, o II encontro de desenvolvedores do ERP Eneboo.
Este encontro é organizado pola empresa Ítaca Software Libre e celébrase na aula de formación da OSL do CIXUG sita no Edificio de servizos centrais de investigación da Universidade da Coruña durante os vindeiros 20 e 21 de febreiro.
Os obxectivos deste encontro de desenvolvedores, como soe ser habitual, son a posta en común entre os diferentes partners de Eneboo das perspectivas de futuro a curto prazo do software que están desenvolvendo, a posta en común de experiencias e solucións, o estudo de liñas de comercialización de solucións para empresas…
Entre as empresas que asistirán a este encontro, ademais da organizadora Ítaca Software Libre, están Aulla Sistemas, Calidae, Bedooin Tech Ventures, KLO Ingeniería Informática S.L., Gestiweb Integraciones Web S.L., ou Itecnopartner.
Que é Eneboo ERP?
Eneboo ERP xorde como fork de AbanQ ERP liderado por dous partners de AbanQ, Gestiweb e Calidae. A motivación da creación deste fork foi principalmente polo modelo de negocio detrás de Abanq e as dificultades para crear comunidade en torno ao produto.
Eneboo ERP é un software de xestión empresarial que integra nunha única aplicación a maioría dos procesos produtivos e de xestión dunha empresa, sexa do sector que sexa. Dende o ano 2012 en que se presentou a primeira versión de Eneboo ERP, a comunidade de desenvolvedores móstrase moi activa e en crecemento.
Existen distintas solucións sectoriais deste ERP que tenta adaptarse e cubrir as necesidades e requirimentos de empresas de distintos sectores: Eneboo Central Franquicias, Eneboo confección textil, Eneboo construción, Eneboo distribución con trazabilidade, Eneboo xestión de residuos, Eneboo Instalacións eléctricas ou Eneboo produción.
Eneboo ERP está liberado baixo unha licenza libre GNU/GPL v.2. Pode atoparse máis información no portal da comunidade dos desenvolvedores, ou no portal para perfís profesionais.
Quen é Ítaca Software Libre?
Ítaca Software Libre, Sociedade Cooperativa Galega é unha consultora informática que apoiándose en sistemas de código aberto e software libre, ofrece a empresas e todo tipo de organizacións, servizos de consultaría informática de grande valor engadido. Son unha empresa que cree no Software Libre como modelo de desenvolvemento tecnolóxico sustentable, responsable e ético.
