A Coruña acollerá a desenvolvedores do contorno de escritorio KDE que, durante unha semana, traballarán conxuntamente no desenvolvemento de obxectivos concretos de diversos aplicativos de KDE, no que se denomina un sprints de KDE, neste caso concretamente do proxecto KDE-Edu.
GPUL organiza para os vindeiros días 24 e 30 de outubro o sprint 2013 de KDE-Edu, que terá lugar na Facultade de Informática da UDC.
Oito desenvolvedores traballarán intensivamente esa semana para acadar unha serie de obxectivos definidos previamente entre os que destacan por exemplo a mellora na integración e usabilidade dos aplicativos matemáticos ou o impulso ao desenvolvemento dun novo aplicativo de aprendizase de linguas; Artikulate, aplicativo para a práctica e prefeccionamento das habilidades de pronunciación de idiomas que é actualmente un proxecto KDE Edu Playground para o que se agarda a súa publicación proximamente, polo que moi probablemente este sprint de A Coruña teña moito que ver nesta publicación.
Ademais do sprint propiamente dito celebraranse tamén un encontro con mestres de colexios e instituto, así como unha nova xornada do hacklab de KDE aberta a quen queira participar, como a celebrada anteriormente en xuño deste ano. A información sobre estas actividades estará dispoñible proximamente no portal de GPUL.
O sprint, a reunión con mestres e o hacklab forman parte das actividades que a asociación GPUL realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2013 da Xunta de Galicia.
Proxecto KDE-Edu
O proxecto KDE-Edu comezou en xullo de 2001, co obxectivo de desenvolver software educativo libre (con licenza GPL) dentro do contorno de escritorio KDE. O software estaría principalmente dirixido a estudantes entre 3 e 18 anos tendo en conta as necesidades especiais que os xoves precisan nas interfaces. Ademais tamén desenvolven software dirixido a profesores para axudarlles a planificar as súas leccións, así como a adultos dispostos a ampliar os seus coñecementos.
Entre os aplicativos maduros dentro do proxecto KDE -Edu podemos citar os dirixidos á aprendizaxe de idiomas como Kletters para a aprendizaxe do alfabeto ou Kanagram e Parley para a aprendizaxe de vocabulario; aplicativos para a aprendizaxe de matemáticas como Kalgebra ou Kplot; aplicativos para a aprendizaxe de Ciencias como Kstars ou Marbel …
Os aplicativos do proxecto KDE-Edu seguramente será familiares para moitos dos mestres e alumnado dos centros educativos galegos xa que están dentro dos incluídos nos portátiles do proxecto Abalar.
