Mancomún

Encontro de usuarios de Chamilo os días 17 e 18 de outubro en Madrid

Martes, 24 Setembro 2013

O vindeiro mes de outubro vén cargadiño de encontros de proxectos de Software Libre. Así aos encontros de Zentyal en Zaragoza o 3 e 4 de outubro, da Drupal Camp en Cáceres o 26 e 27 de outubro e a GUADEC-es os días 18, 19 e 20 de outubro súmase o Encontro de usuarios de Chamilo os días 17 e 18 de outubro tamén en Madrid.

Así a Universidade Carlos III de Madrid acolle o Día do usuario de Chamilo, un sistema de xestión da aprendizaxe ou LMS que naceu no ano 2010 tomando como base a plataforma Dokeos, da man da Asociación sen ánimo de lucro Chamilo, e que a día de hoxe conta con máis de 6 millóns de usuarios en máis de 180 países de todo o mundo.

Asociación sen ánimo de lucro Chamilo organiza anualmente encontros de usuarios, coñecidos como Chamiluda (Chamilo Users Day) cunha dobre finalidade: estimular o intercambio de ideas e a creación de lazos entre os membros da súa comunidade, e achegar o proxecto a todas aquelas persoas que aínda non o coñecen.

Na web do Chamiluda 2013 pódese consultar xa o programa do encontro así como realizar a inscrición para asistir ao mesmo.
Segundo informan dende a asociación, este será o día do usuario de Chamilo máis internacional organizado ata a data. É a primeira vez que se celebra o encontro en España que contará cun completo programa que inclúe charlas, mesas redondas ao redor de temas candentes do software libre, obradoiros prácticos, cursos de certificación e un espazo destinado ao networking entre todos os participantes.

Unha vez máis, como xa vén sendo habitual neste tipo de encontros, Galicia estará tamén representada no mesmo, desta volta a través de dous colaboradores do evento, a empresa galega Contidos Dixitais e a través do CESGA, cuxa aula de e-learning baséase nesta solución.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal