Mancomún

Enquisa de valoración do software libre na sociedade 2013

Martes, 3 Decembro 2013
PortalProgramas vén realizando anualmente, dende o ano 2009, un informe sobre a valoración do Software Libre por parte da sociedade. Este estudo ten por obxectivo medir o coñecemento, o uso e a confianza que teñen os usuarios domésticos no software libre.

Imaxe da enquisa de valoración do Software Libre na sociedadeUn ano máis, hoxe 3 de decembro, ábrese o prazo para participar neste estudo cubrindo a enquisa de valoración do software libre 2013. A enquisa poderá cubrirse ata o día 19 de decembro. Máis de 5.000 persoas de 17 países de fala hispana participaron o ano pasado.

O informe resultado deste estudo, que se publicará entre os días 13 e 19 de xaneiro, botará luz sobre o coñecemento, uso e confianza dos usuarios domésticos no software libre, axudando a entender como está de integrado o coñecemento do software libre na sociedade, á vez que apuntar ás claves para mellorar a súa difusión e servir como referencia para lograr que as administracións se decanten por este tipo de solucións. Ademais, non só se pode dispoñer dos resultados finais, senón que se poderá consultar unha completa comparativa dos mesmos por países.
Dende PortalProgramas teñen o convencemento de que os usuarios finais son de gran importancia para a popularidade do software libre e que apenas hai información neste aspecto. É preciso medir se hai coñecemento sobre o significado de "Software libre" e "Software privativo", se usan software libre unicamente porque é gratis ou tamén coñecen a filosofía que hai detrás, profundar nos motivos de uso ou de non uso, etc.

Os aspectos chave deste informe son:

  • Coñecemento: Os usuarios saben cando están a usar software libre? Coñecen a súa filosofía?
  • Uso: Por que utilizan software libre, por que non o usan e como cambiar esa tendencia
  • Confianza: Os usuarios pensan que é de calidade e seguro? Comparamos a confianza entre software libre e privativo.
  • Expertos: Persoas recoñecidas do sector falan sobre temas de actualidade do software libre

Os principais obxectivos que se perseguen son:

  • Optimizar esforzos: Coñecer os puntos fortes e débiles deste tipo de software segundo os usuarios axudan moito a que as iniciativas que se crean diariamente para fomentar o software enfoquen o seu traballo en solucionar as necesidades reais dos usuarios.
  • Aumento do uso de software libre: Resolvendo os problemas que os usuarios recoñecen ter mellórase a imaxe do software libre e o seu uso. Ano tras ano, a porcentaxe de uso aumenta, e isto pódese dinamizar se se traballa en resolver algunhas trabas.
  • Promoción do software libre: Este informe pon o software libre na fala da xente a través dos medios de comunicación. É unha forma de conseguir dinamizar este tipo de aplicacións, que se fale máis delas e que máis usuarios as coñezan e utilicen. Os medios de comunicación xogan un papel moi importante en canto permiten que o software libre chegue a un sector da poboación que quizá non está familiarizado con el e que non frecuenta foros onde se fala do mesmo.
  • Coñecer o estado actual: A información sempre é importante, e avaliar como os usuarios están a percibir o traballo realizado até agora pola comunidade do software libre é importante para facer autocrítica e coñecer aqueles puntos do coñecemento, uso e confianza nos que se pode mellorar.

Para obter máis información sobre o Informe de valoración do software libre na sociedade pódense consultar as preguntas frecuentes.

Dende PortalProgramas están accesibles os informes de valoración elaborados nas anteriores edicións do estudo.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal