Mancomún

Entrega de premios do I concurso de Scratch do CPETIG

Mércores, 29 Xuño 2016

I concurso programacion ScratchFacendo eco do anunciado na web do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), o pasado sábado tivo lugar en Santiago a entrega de premios do I Concurso de Scratch, organizado polo CPETIG.

O concurso contou co apoio de El Corte Inglés, Fundación Barrié, Coremain e Gadis. Participaron na cerimonia de entrega algo máis de 70 persoas entre as que se atopaban os rapaces premiados acompañados na súa maioría dos seus pais e profesorado dos centros.

Segúndo se indica na propia web, “o acto empezou cunha presentación sobre o uso de elementos físicos programables dende Scratch, onde se lle presentou aos asistentes dende o Scratch para Arduino a placas Raspberry”.  

Na mesma web pódese ler a relación de premiados no concurso e que é a mesma que a que segue:

  • Na categoría de primaria:
    • 1º premio: CAMIÑO PREGUNTÓN do CPI PLURILINGÜE VIRXE DA CELA, grupo VIRTUALKIDS
    • 2º premio: PASENIÑO, PASENIÑO FAISE O CAMIÑO do CEIP PLURILINGÜE VILAR DE BARRIO, grupo GALOPÍNS.
  • Na categoría de secundaria:
    • 1º premio: ANDANDO O CAMIÑO do IES DE BRIÓN, grupo CAMIÑANTES
    • 2º premio: AVENTURAS DO CAMIÑO do IES CARLOS CASARES, grupo SCRATCHERS EN VIANA.

O concurso é unha actividade máis das que vén realizando o CPETIG nos últimos anos de cara a difundir os valores da programación entre os nenos, os seus pais e os seus formadores.

Esta actividade encádrase dentro das actividades do convenio de colaboración asinado entre o e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e continua a liña perseguida polo CPETIG en canto a cursos de formación focalizados nesta ferramenta.

Acerca de Scratch

Scratch é un proxecto do Grupo Lifelong Kindergarten do Laboratorio de Medios do MIT. Trátase dunha linguaxe de programación visual libre deseñada especialmente para idades entre os 8 e 16 anos pero que o seu uso esténdese por todas as idades. Scratch está focalizado na ensinanza a partires da creación de xogos, axudando no desenvolvemento das habilidades mentais do estudante mediante a programación. A vantaxe de Scratch neste campo está en que é un entorno no que o estudante non necesita coñecementos previos acerca de programación.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal