Mancomún

Entrevista de PortalProgramas ao coordinador da OSL do CIXUG

Mércores, 16 Outubro 2013

Marcos Fernández e Rafael Gayoso, da OSL do CIXUGComo informamos o pasado mes de maio, os resultados da segunda edición do Ranking de Universidades en Software Libre amosan que Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior compromiso pola difusión do software libre nas universidades, habendo escalado as nosas 3 universidades notablemente en dito ranking, ocupando a Universidade de Vigo a novena posición, a de Santiago de Compostela a sexta posición e a Universidade da Coruña a terceira posición.

Co obxectivo de profundar no uso, coñecemento, difusión e o apoio das universidades galegas ao software libre, e concretamente a Universidade de A Coruña, dende PortalProgramas quixeron entrevistar ao coordinador da Oficina de Software Libre do CIXUG, Rafael Rodríguez Gayoso.

Esta entrevista vai na mesma liña que a publicada o pasado mes de Xuño con Juan Julián Merelo Guervós, director da Oficina de Software Libre da Universidade de Granada, primeira clasificada no ranking, quen casualmente está participando hoxe mesmo nas Xornadas "Como licenciar e traballar con licenzas libres" que a OSL do CIXUG organiza en Vigo e Santiago de Compostela.

A continuación reproducimos a entrevista:
A Oficina de Software Libre das Universidades Galegas é un organismo centralizado e integrado no Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria. Que beneficios se poden obter dunha OSL compartida e centralizada?

O feito de integrar a OSL entre o tres universidades galegas axuda a aproveitar as mesmas actividades de difusión entre as universidades, co aforro en recursos que supón. Por exemplo, ofértanse cursos para formar ao persoal PAS (persoal de administración e servizos) das tres universidades en modo teleformación.

Mantería a mesma efectividade unha OSL compartida por máis universidades españolas? Considerades que o modelo da OSLUG é exportable a outras Comunidades Autónomas?

Por suposto que o modelo podería integrar a máis universidades, dado que moitas actividades de difusión poden ser reutilizadas. Non cremos que o modelo galego sexa exclusivo ou diferente ao de calquera outra comunidade española. Consideramos que o modelo da OSL das Universidades Galegas pode ser perfectamente exportable ao resto do territorio nacional.

A UDC conta cun gran apoio institucional para o fomento do Software Libre, que medidas e políticas institucionais destacariades?

A UDC vén apoiando sistematicamente todas as accións de promoción do software libre, con cesión de infraestruturas e soporte económico ás asociacións de estudantes, como GPUL, que leva en funcionamento desde 2008 e realiza un gran número de eventos de promoción e formación.

A UDC optou pola vía da formación e a promoción para a difusión no canto da imposición mediante políticas institucionais. Unha das accións máis destacadas é a inclusión de probas de software libre nas probas de acceso do persoal de administración e servizos. Nestes momentos a colaboración coa AMTEGA [Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia] vai facilitar estes labores de promoción.

O compromiso da UDC co software libre vai máis aló do campus, por exemplo, con eventos de asesorías a empresas e convenios de prácticas con empresas de software libre. Considerades que o tecido empresarial galego móstrase favorable a adoptar ferramentas de código aberto e licenzas libres?

A OSL colabora activamente con AGASOL (Asociación Galega de Empresas de Software Libre), e a relación entre as empresas asociadas e as universidades é moi estreita. De feito, gran parte das mesmas nacen de proxectos con base universitaria.

Os últimos estudos en materias de presenza do Software Libre nas empresas, desenvolvidos polo OSIMGA, indican que a presenza do Software Libre é cada vez maior no tecido empresarial galego que se caracteriza por unha gran importancia presencial na PEME. Un 73,9% das empresas de Galicia utilizan o Software Libre, e no sector tecnolóxico esta cifra sobe ao 82%.

Estes estudos tamén achegan datos indicando que as principais causas para non utilizar Software Libre, da escasa porcentaxe de empresas que non o utilizan, parten do descoñecemento, a falta de información ou o risco percibido ao cambio. Desde a Universidade como formadores dos futuros profesionais podemos afirmar que os futuros e actuais egresados están formados para dar soporte e desenvolver en tecnoloxías abertas, e isto debe ser percibido así polas empresas. Por exemplo, na Facultade de Informática a maior parte da docencia realízase sobre tecnoloxías abertas e en contornas de programación libres. O Software Libre non é unicamente o futuro, ten pasado e xa está presente en todas partes.

A UDC destaca tamén polos seus elevados índices de colaboración interna e externa. É o Software Libre un campo especialmente vinculado á colaboración? Os grupos de investigación da UDC adoitan traballar coordinados? Valorades algunha distinción entre colaboracións nacionais e internacionais?

Na UDC e en particular na Facultade de Informática, existiu unha traxectoria de colaboración natural en proxectos libres. No ámbito académico sempre se fomenta a colaboración en equipos multidisciplinares e a realización de proxectos en colaboración internacional. Cando os ámbitos de investigación están aliñados co desenvolvemento de proxectos libres permiten unha contorna tecnolóxica de colaboración natural cos diferentes actores existentes a nivel mundial. Así mesmo, as estancias de investigación, os congresos académicos e os proxectos de investigación fomentan esta relación de colaboración.

Ao ser o SL un ámbito internacional por natureza, non ten sentido fixar distincións entre unha colaboración con outras entidades en base á nacionalidade das mesmas, xa que o que se valora é o código, e a lingua franca para todos é o inglés.

En canto á participación en comunidades de Software Libre ou a liberación dos proxectos nos que participan cada grupo de investigación, é autónoma, e non nos consta que haxa unha coordinación especial nesta materia. É importante, cando falamos do estudo do SL, considerar as vantaxes que achega a súa facilidade de colaboración externa, xa que permite acceder dunha forma sinxela e natural ao coñecemento do que non se dispón na institución. Desta forma é máis fácil estar actualizados e coñecer os últimos avances en tempo real seguindo as listas de correo dos proxectos nos que se colabora ou se utilizan nas nosas investigacións.

En relación ás actividades desde a UDC considerámonos unha contorna aberta para a difusión do coñecemento e sempre colaboramos na medida do posible cos organizadores dos eventos.

Que recepción teñen os cursos de formación en software libre para PAS e PDI? Hai diferenzas nas demandas de formación por parte destes dous colectivos?

Tanto o PAS como o PDI da UDC participa activamente nestes cursos de formación, hai unha gran demanda de participación nos mesmos e as enquisas de satisfacción indican que os aproveitan e agradecen moito. Non vemos distinción en canto a PAS ou PDI (persoal docente e investigador), aínda que estes últimos adoitan requirir formación máis especializada.

A UDC forma parte da iniciativa OpenCourseWare, aínda que non conta expresamente cunha sección OCW de cursos docentes abertos ao público. Expúxose a súa incorporación? Existe algunha plataforma alternativa para ofrecer cursos abertos na Universidade da Coruña?

Actualmente estase traballando en incorporar contidos a esta iniciativa, gran parte deles atópanse na plataforma de televisión (UDCTv) e no módulo de openmeeting integrado con Moodle. A nivel particular algúns PDIs atópanse inmersos en diversos proxectos de difusión do coñecemento aberto.

Fonte: PortalProgramas

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal