Epub é un estándar libre promovido polo International Digital Publishing Forum. A maior parte dos lectores, tanto de hardware como de software, son compatíbeis con este formato (con excepcións como o Amazon Kindle). Realmente, Epub é a actualización dun formato máis antigo denominado Open eBook (de extensión .opf). Desde un punto de vista técnico, consiste nun documento XML que se adapta ás características físicas de distintas pantallas e libros electrónicos e se comprime nun arquivo ZIP para ocupar menos espazo.
Entre os promotores deste modelo encóntrase Google, que a través do seu servizo Google Books ofrece os libros en descarga. O proxecto Gutenberg, que dixitaliza libros que pasaron a dominio público, tamén os ofrece desde marzo neste formato, aínda que de xeito experimental.
Actualmente, Epub constitúe unha alternativa seria aos formatos privativos do resto de competidores como o PDF, Mobipocket de Amazon, Plucker, LIT (de Microsoft e baseado en Plucker), eReader ou LRF de Sony.
Se temos algún libro nun formato que non sexa compatíbel co noso lector de libros electrónicos, sempre podemos convertelo usando algunha ferramenta de software libre como Calibre…
Máis información na fonte orixinal da nova:
http://www.consumer.es/
