Mancomún

España cede a Reino Unido o software da plataforma de contidos dixitais educativos Agrega

Xoves, 19 Febreiro 2009

  • A iniciativa converte as empresas TIC españolas que traballan con SwL en referente de nivel internacional
  • Galiza, tamén punteira na plataformas educativas con iniciativas como Emprendizaxe, promovida pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información

O secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Francisco Ros, asinou estes días un acordo co director de Relacións Internacionais de Ja.net -a Rede de Investigación en Educación de Reino Unido-, Steve Hogger, para a cesión ao organismo británico do código fonte e documentación da plataforma de contidos dixitais educativos Agrega. O acordo permitirá a Janet probar os desenvolvementos da plataforma española no seu propio sistema, e ademais contará co asesoramento de expertos españois. Deste xeito, ábrese unha sólida vía de colaboración entre os dous países punteiros no ámbito das TIC aplicadas á educación.

O proxecto, que está baseado en código aberto e conta con tradución ao galego da documentación, será aloxado pola forxa de Cenatic (Centro Nacional de Referencia de Aplicación das TIC baseadas en Fontes Abertas), facilitando o traballo colaborativo no desenvolvemento deste. Así, estará accesíbel e así  tanto a plataforma de Agrega coma  a documentación asociada para o seu desenvolvemento.

A plataforma Agrega ten como obxectivo mellorar o proceso educativo a través das tecnoloxías da información e da comunicación. Ofrécelles aos profesores, alumnos e familias un contorno común de creación e posta en común de aplicativos e contidos dixitais educativos. Trátase dunha gran biblioteca virtual onde os profesores poden crear, buscar e compartir estes contidos e mesmo descargalos para modificalos e adaptalos ás necesidades dos seus alumnos e alumnas.

Agrega xorde como resposta á necesidade de pór a disposición dos docentes e educadores contidos dixitais de calidade, necesarios para unha educación orientada e cimentada na sociedade da información. O proxecto conta cun investimento total de 17,5 millóns de euros e constitúe unha parte primordial do programa “Internet na aula” que, entre outras actuacións, ofrece servizos de valor engadido ao equipamento e ás infraestruturas instaladas nos centros educativos para o adecuado uso das TIC. Grazas aos programas de Educación en Rede (Internet na aula e Insignia), España é hoxe, tras Reino Unido, o segundo país de Europa cun sistema de apoio do TIC á educación máis desenvolvido.

Emprendizaxe, unha plataforma formativa e colaborativa desenvolvida en Galiza

A Xunta de Galicia tamén está a desenvolver con éxito iniciativas de caraćter formativo grazas ao traballo de empresas galegas con forte proxección internacional. Recentemente a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, presentaba na Coruña unha nova plataforma formativa, Emprendizaxe.

Este proxecto desenvolvido pola Consellaría de Innovación e Industria dentro do Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información está baseado na tecnoloxía Kubbe, da empresa Netex (Oleiros-A Coruña).

Atendendo á liña estratéxica de apoio decidido ao software libre a implantación deste aplicativo realizouse no servidor “Alicerce” instalado no CESGA, facendo uso exclusivamente de tecnoloxías abertas: Debian, Apache+Tomcat, MySql, J2EE+Ajax e red5 como servidor de fluxo (streaming) para os contidos multimedia dos cursos.

Emprendizaxe enmárcase como a plataforma formativa do portal da PEME galega GaliciaPMS, portal que ten por obxectivo informar ao tecido empresarial galego sobre as novidades en materia de axudas e subvencións, o tecido asociativo, os parques empresariais, aplicativos informáticos e moita máis información de interese para a PEME.

Fonte: Ministerio de Industria, Turismo e Comercio  

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal