O pasado venres publicáronse no BOE dous reais decretos que regulan a relación entre a cidadanía e as administracións: o Esquema Nacional de Seguridade e o Esquema Nacional de Interoperabilidade no ámbito da Administración Electrónica.
O Esquema Nacional de Interoperabilidade ten por finalidade crear as condicións necesarias para garantir o adecuado nivel de interoperabilidade técnica, semántica e organizativa dos sistemas e aplicacións empregados polas Administracións Públicas, para evitar a discriminación dos cidadáns por razón da súa elección tecnolóxica. Nel existen indicacións claras respecto do uso de estándares abertos e publicación de aplicativos das administracións como software libre.
No artigo 11, establécese que as administracións públicas usarán estándares abertos, ou no seu caso de forma complementaria, estándares de uso xeneralizado polos cidadáns, co fin de garantir a independencia na elección de alternativas tecnolóxicas polos cidadáns e outras administracións. O uso dun estándar non aberto sen ofrecer unha alternativa en estándar aberto limitarase exclusivamente a aquelas situacións para as que non exista un estándar aberto que satisfaga as necesidades e só mentres se cumpra esta condición. Ademais indica que as administracións deberán promover actividades de normalización para facilitar a disposición de estándares abertos que cubran as súas necesidades. O Estado desenvolverá un catálogo de estándares que satisfagan as condicións deste artigo, de forma estruturada e con indicación dos criterios de selección e ciclo de vida aplicados.
No artigo 16, establece que as aplicacións e documentación asociada das que as Administracións ostenten a titularidade dos dereitos de propiedade intelectual e que poidan ser postas a disposición dos cidadáns ou de outras administracións deberán ser licenciadas como software de fontes abertas cunha licenza que asegure que os aplicativos, datos ou información compartidos:
- Poden ser executados para calquera propósito.
- Permiten coñecer o código fonte.
- Poden modificarse e mellorarse.
- Poden redistribuírse a outros usuarios con ou sen cambios sempre que a obra derivada manteña estas mesma 4 garantías.
Neste punto recomendan o uso da licenza EUPL sen prexuízo de calquera outra que cumpra as condicións anteriores.
Relacionado con esta obriga, a Administración General do Estado manterá un Directorio de aplicativos para a súa libre reutilización que poderá ser accedido a través do Centro de Transferencia de Tecnoloxía. Este directorio conterá a relación de aplicativos para a súa libre reutilización, incluíndo cando menos, o nome, a descrición das funcionalidades, uso e características, licenza, principais estándares abertos empregados e estado de desenvolvemento.
Ademais regúlase que as administracións públicas deberán ter en conta as solucións dispoñibles para a libre reutilización que poidan satisfacer total ou parcialmente as necesidades dos novos sistemas ou servizos ou a mellora e actualización dos xa implantados. Tamén deberán publicar o código das aplicacións en desenvolvemento ou finalizadas co fin de favorecer a compartición, reutilización e colaboración en beneficio dunha mellor eficiencia.
O decreto establece que o CENATIC, ao obxecto de fomentar a reutilización e facilitar a interoperabilidade, encargarase da posta en valor e difusión de todas aquelas aplicacións que sexan declaradas de fontes abertas polas administracións públicas e tamén poderá impulsar proxectos de software de fontes abertas dirixidos a mellorar a implantación das medidas de interoperabilidade contempladas no decreto.
Fonte: Diario Público
