Mancomún

Estatística con R, segundo obradoiro dos Sábados libres na Altamar

Martes, 4 Febreiro 2014

Logo do proxecto RContinuando co 2º ciclo de Sábados Libres na Altamar iniciado o pasado 25 de xaneiro, GALPon, está xa a organizar un novo obradoiro para o vindeiro sábado 22 de febreiro. Desta volta trátase do obradoiro práctico “Estatística con R”, que vai ser dirixido por Miguel Branco, investigador do Dpto. De Ecoloxía e Bioloxía animal, da Uvigo.

Neste obradoiro realizarase unha introdución práctica a R, software orixinariamente deseñado para a análise estatística e a realización de gráficos e actualmente considerada a lingua franca do analista de datos empregado en numerosos campos relacionados coa estatística (xenómica, biomedicina, econometría, big data, bioloxía, …). R ten unha dobre natureza de programa e de linguaxe de programación e distribúese baixo licenza GNU-GPL.
O programa do obradoiro será o seguinte:

  • Introdución
    • Historia
    • Instalación de R, os IDE (RStudio)
    • Instalación de paquetes
    • Axuda e documentación
    • (intro e traballo dende sweave ou Markdown?)
  • Entorno de traballo
    • Estrutura de datos (introdución e práctica)
    • Tipos básicos de datos
    • Vectores
    • Matrices
    • Listas
    • Conxunto de datos (data frames)
  • Lectura e escritura de datos (introdución e práctica)
  • Gráficos (só o esencial)
  • Estatística
    • Datos cualitativos e cuantitativos (introdución, básico con gráficos)
    • Distribución de probabilidades (introdución)
    • Comprobación de hipóteses (exemplo)
    • Análise de varianza (exemplo e práctica)
    • Regresión lineal (exemplo e práctica)

No mes de abril haberá un segundo obradoiro avanzado de Estatística con R, que será dirixido por Miguel Anxo Rodríguez Muíños, técnico informático na Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública. Consellería de Sanidade. Xunta de Galicia.

Como vén sendo habitual nestes obradoiros organizados por GALPon, a asistencia é totalmente gratuíta, pero por mor da complexidade do curso e limitación de aforo, existen un número de prazas limitado, concretamente 24 prazas, polo que para asistir é obrigatorio cubrir o formulario de inscricións. Podedes consultar máis detalle no wiki de actividades de GALPon ou a través do evento en Google+.

Recomendan levar instalado no computador o paquete R.

Para os que o queiran seguir o obradoiro empregando o sistema operativo Windows, poden empregar BioStatFLOSS Portable, un recopilatorio de software portable (non precisa de ser instalado no equipo) que funciona baixo o sistema operativo Windows, e na que se inclúe: R 3.0.2, RStudio 0.97.551 e RCommander 2.0-3, e unha colección preinstalada de paquetes. Ademais tamén inclúe software xenérico, como Firefox ou LibreOffice, e específico para epidemioloxía (OpenEpi, Epidat, …), ou para bioestatística (Scilab, Octave, SofaStats,…).

Este proxecto está desenvolvido fundamentalmente por un equipo de 3 persoas: Miguel Ángel Rodríguez Muíños, Técnico Informático da Dirección Xeral de Información e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade, como Coordinador do Proxecto, Mª Teresa Seoane Pillado, Técnico Bioestatística da Unidade de Epidemioloxía Clínica e Bioestatídica do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, como asesora experta en bioestatística e Xurxo Hervada Vidal, Subdirector Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da Consellería de Sanidade, como asesor experto en epidemioloxía.

Os interesados en coñecer máis sobre BioStatFLOSS podesde ler unha recente entrevista ao equipo responsable do proxecto que lle fixo este verán a OSL do CIXUG.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal