Estrella Galicia, unha das empresas máis emblemáticas de Galiza, xa traballa con software libre. Faino dende que a dirección da firma cervexeira descartou o pagamento de licenzas para levar o control informático das súas relacións cos provedores e decidiu confiar nunha das empresas da
Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL) para implantar un xestor de contidos baseado en estándares abertos.
“Queriamos investir en coñecemento, non nunha ferramenta informática”, anticipa desde a cervexeira Estrella Galicia, o seu director do departamento de sistemas, Xosé Manuel Santiso. Hai dez anos atopáronse coa necesidade de documentar en condicións as súas relacións cos provedores. Fixérono, pero sempre tiveron a certeza de que esa orde debía de estenderse a todos os departamentos da compañía.
AGASOL explica nun comunicado como Estrella Galicia aproveitou un momento de cambio, coa implantación dun software de xestión empresarial (ERP), para afondar tamén na posta en marcha dunha xestión documental íntegra. “Analizamos o mercado, vimos varias ferramentas e decidímonos por Alfresco, un sistema de administración de contidos baseado en estándares abertos”, lémbranse.
Foi a opción que lles ofreceu Queres, unha das firmas que forman parte da Asociación Galega de Empresas de Software Libre e que potenciou nos últimos meses unha liña de traballo dedicada en exclusiva á xestión documental, un xeito de facer as cousas que abarca servizos desde a análise previa de requisitos ata a integración e, sempre, cunha especial sensibilidade por desenvolver funcionalidades específicas a medida.
Esa filosofía é a que aplica Queres con Estrella Galicia para levar a cabo un traballo de gran magnitude. “Imos departamento a departamento. Empezamos hai pouco máis dun ano e algunhas desas seccións xa están empregando Alfresco, por exemplo a que se encarga de toda a xestión de provedores, pero é un labor que por forza se ten que estender uns meses no tempo porque se trata de pasar toda a documentación en papel a dixital”, explica Víctor Fariña, un dos responsábeis de Queres.
Fonte: A nosa Terra