Mancomún

Estudo comparativo sobre a seguridade no software libre fronte ao software desenvolvido polas institucións europeas

Martes, 18 Outubro 2016

Segundo un estudo comparativo levado a cabo pola Unión Europea, os desenvolvedores de proxectos de software libre preocúpanse en xeral máis pola seguridade no código fonte que os desenvolvedores que traballan para as institucións europeas.

O estudo, que pode ser integramente consultado na seguinte ligazón, compara os métodos de seguridade empregados polas comunidades de software libre e os proxectos desenvolvidos nas institucións europeas, chegando á conclusión de que aínda que nestas últimas están dispoñibles moitas ferramentas para testeo e seguridade do software, o seu uso non é unha práctica estendida.
Ademais de fixarse na seguridade o estudo compara tamén ata dez aspectos do desenvolvemento de software. Así, por exemplo, mentres que nos apartados de xestión do proxecto e metodoloxías de desenvolvemento de software, as institucións teñen mellor valoración, nos aspectos de seguridade, xestión de incidencias, inspección e revisión de código, as comunidades de software libre están por diante.

Os resultados publicados deste estudo son un dos resultados do proxecto “EU Free and Open Source Software Auditing” (EU-FOSSA), que remata en Decembro e que tenta establecer un procedemento formal que permita ás institucións europeas contribuír os resultados das súas revisións de seguridade aos proxectos de software libre.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal