O Centro de Apoio Tecnolóxico a Emprendedores, bilib, acaba de publicar un estudo sobre sistemas de xestión de contidos web que recolle unha análise das mellores solucións CMS do mercado actualizado a 2012. A licenza elixida para o estudo é creative commons by-sa.
Este estudo supón un complemento ideal ao estudo comparativo de plataformas de comercio electrónico baseadas en software libre publicado o pasado ano pola Oficina de Coordinación FLOSS.
Actualmente existen no mercado centos de solucións para o desenvolvemento de portais web polo que o proceso de elección dun xestor de contidos web pode chegar a ser tarefa ardua e complexa. Por esta razón, co obxectivo servir de referencia a calquera usuario ou profesional das TIC que precise seleccionar un CMS, realizouse unha exhaustiva avaliación das solucións máis destacadas que poden atoparse actualmente no mercado dos CMS. O estudo céntrase en exclusiva en solucións de software libre, posto que estas copan de xeito indiscutible o actual mercado dos CMS, e as solucións privativas non ofrecen ningunha vantaxe competitiva con respecto a estes, que xustifique o sobre custo de adquisición e mantemento das licenzas correspondentes.
Todas as solucións seleccionadas reúnen parámetros de calidade especialmente altos, mais non se pretende escoller unha solución gañadora, xa que non existe a Mellor solución CMS, senón que a idoneidade dependerá totalmente do escenario no que vaia ser implantada, así como os obxectivos que se persigan para o sitio web a implementar.
A análise das solucións porá de relevo as pequenas diferencias que os usuarios e provedores da solución deben ter en conta, xa que serán as que determinen a idoneidade dun CMS para unhas necesidades concretas, por exemplo o modelo comercial ao seu redor, a seguridade dos sistemas, a facilidade de uso, a flexibilidade para xestionar diferentes tipos de contidos ou quizás a posibilidade de integrar o CMS co resto dos sistemas da empresa a través dunha API propia ou framework de traballo.
Os autores do estudo parten dunha análise inicial do estado da arte dos CMS prestando especial atención á valoración de diversos aspectos entre os que os máis relevantes foron: licenza de uso, posicionamento no mercado, valoración polos expertos, confianza do proxecto ou modelo comercial. As solucións CMS seleccionadas e analizadas no estudo foron: Drupal, eZ Publish, Joomla, Liferay, OpenCms, Plone, Typo3 e WordPress.
Sobre estas solucións realízase unha análise das características máis significativas desde 4 enfoques diferentes, de forma que o lector poida analizar os resultados desde o eixo que mellor se adecúe ás súas necesidades: calidade do proxecto, funcionalidade da solución, tipo de escenario de implantación e tempo de publicación de contidos.
En canto á calidade do proxecto, os resultados están entre o 70% e o 90% de confianza no proxecto segundo a metodoloxía Análise de Confianza de Proxectos de Software Libre, quedando as solucións ordenadas do seguinte modo en orde ascendente; OpenCMS, WordPress, Joomla, Drupal, Plone, Liferay, Typo3 e ezPublish. A análise da funcionalidade da solución, realizada polas empresas expertas nas mesmas, o resultado en orde ascendente foi WordPress, openCMS, Drupal, Joomla, Plone, ezPublish, Liferay e Typo3, aínda que as diferencias de puntuación son moi escasas, sendo máis importante pararse a ver os puntos fortes e febles de cada unha. Un aspecto quizás de maior utilidade de cara a unha decisión final, pode ser a idoneidade segundo o tipo de escenario. Neste caso definíronse 3 escenarios habituais, portal simple, portal complexo e intranet e identifícanse cales son as solucións máis destacadas en cada un. Por exemplo para portais simples destacan Worpress e Joomla, para portais complexos exPublish, Lifreay, Plone e Typo3 pola súa versatilidade, flexibilidade e funcionalidades avanzadas, e finalmente para as Intranets o máis destacado é Typo3.
O documento tamén recolle as conclusións máis significativas obtidas ao longo das análises e expón as claves para unha elección de CMS satisfactoria, tanto desde o punto de vista dos usuarios finais como dos provedores tecnolóxicos de portais web. Dende o punto de vista de usuario final, unha das principais conclusións é que dado que os niveis de calidade son excelentes en todos os casos, a decisión máis importante non é que CMS cubrirá mellor as súas necesidades, senón con que provedor experto se pode contar xa que a súa experiencia e habilidade serán factores primordiais no éxito do desenvolvemento do novo portal web.
Relacionados coas solucións analizadas, segundo os datos do Mapa Tic de solucións tecnolóxicas de Galicia, existen provedores en Galicia con experiencia para case todas elas. Grupo Promedia, Nextgal e Tegnix para Drupal; Alzia, Manufacturas de Internet SL, Wireless Galicia, e Nextgal para Joomla; Queres para Liferay; Egalcom para OpenCMS; Corunet, Dimensiona, Igalia, Redegal para Typo3 e Hacce Soluciones TIC, Hostisoft y Manufacturas de Internet para WordPress. Ademais a empresa galega SDWeb, que como membro da asociación Open Source Iberia formou parte do comité de expertos do estudo, ofrece tamén servizos sobre Drupal, OpenCMS e WordPress. Por suposto, é posible que existan máis provedores galegos sobre estas tecnoloxías que aínda non se deran de alta no Mapa TIC.gal aos que lles recomendamos que o fagan, xa que pretende constituírse no constituír punto de encontro virtual entre os diferentes actores que participan na Oferta-Demanda Tecnolóxica de Galicia.
O estudo foi desenvolvido polo Centro de Apoio Tecnolóxico a Emprendedores de Castela a Mancha, bilib, seguindo un modelo de desenvolvemento colaborativo e aberto, no que participaron de forma desinteresada algunhas das empresas TIC castelán-manchegas con maior experiencia en CMS, xunto a outras empresas de ámbito nacional: Color Vivo, Consultoría Innova, ICTI Internet Passion, Ontic Soluciones, OpenCms Hispano, Tanta, Tecon e Smile Iberia. Así mesmo contou coa participación da asociación Open Source Iberia quen formou parte do comité de expertos, encargado da revisión final dos resultados do estudo, incluídas algunhas das súas empresas asociadas: Complusoft, Cyxmedia, WebCafeina e a galega SDWeb.
