CENATIC presentou hoxe en Madrid, na 3ª asemblea da comunidade Morfeo, o "Estudo sobre a situación actual do software de fontes abertas nas Universidades españolas e Centros de I+D españois". Trátase do primeiro informe que incorpora información cualitativa e cuantitativa do estado de implantación e uso das tecnoloxías libres no mundo académico e investigador en España.
O informe, elaborado por CENATIC a través do Observatorio Nacional do Software de Fontes Abertas (ONSFA), en colaboración co grupo Libresoft da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, e o grupo CRUE-TIC-SL da Comisión Sectorial do TIC da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, inclúe os resultados dunha enquisa sobre o uso de tecnoloxías de fontes abertas na Universidade española, así como o estudo de 25 casos de implantación, desenvolvemento e promoción de tecnoloxías libres, e unha selección de 20 proxectos I+D en torno ao software de fontes abertas financiados por programas de ámbito estatal e europeo.
Tecnoloxías de gran valor para o ámbito docente e investigador español.
Os resultados do estudo inclúen información estratéxica de utilidade para os responsables da toma de decisións tecnolóxicas, e axuda a comprender os beneficios que o software libre achega. Neste sentido, Javier Uceda, presidente da Sectorial TIC da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas declarou que "durante a realización deste informe comprobouse que tamén as Universidades e Centros I+D españois están a participar desta realidade tecnolóxica que é o software libre, que achega beneficios en termos de custos, adaptabilidade e independencia, e converteuse nun compoñente esencial da investigación en España".
Pola súa banda, Miguel Jaque, director xerente de CENATIC, afirmou que "o software libre ten unha alta presenza no día a día dos docentes e investigadores do contorno universitario español". "Apostar polo software libre é apostar polo futuro das tecnoloxías no ámbito da educación superior e a investigación en España", comentou Jaque.

Algúns datos do informe.
O informe reflicte que o software de fontes abertas está presente na práctica totalidade das Universidades e Centros de I+D españois. De feito, no caso das Universidades, baséanse en software libre o 60% dos seus servidores, o 42% das súas bases de datos, o 67% do seu correo institucional, o 87% das súas ferramentas de xestión de contidos, o 67% dos seus sistemas antispam, o 40% dos seus campus virtuais, ou o 44% das súas solucións de administración electrónica…
Doutra banda, o estudo tamén reflicte que o 83% das universidades contan con algún grupo de investigación sobre este tipo de software, que buscan ademais a transferencia tecnolóxica das súas ferramentas á industria. No 57% das universidades existen ademais asociacións de usuarios de apoio ás tecnoloxías libres, e no 90% impartíronse materias relacionadas coas tecnoloxías abertas. A publicación dos resultados da I+D baixo licenzas libres é outro dos resultados máis visibles do uso de metodoloxías baseadas na cultura do software libre.
O estudo pode descargarse en pdf dende a web do CENATIC .
Fonte: CENATIC
