Mancomún

EUCALYPTUS, computación na nube con código aberto

Xoves, 13 Agosto 2009
Eucalyptus Computación na nube, ou Cloud computing, é un termo empregado para referirse a un paradigma computacional baseado en contratos que permiten ao usuario “alugar” capacidade de cómputo accesíbel a través de Internet. Xa existían varias empresas ofrecendo estes servizos, e tamén existían varios sistemas de software privativo para despregar e manter unha nube computacional, pero ata o de agora non existían moitos sistemas de código aberto e baseados en estándares para isto, e os que había eran poucos e estaban diseminados.

EUCALYPTUS, Elastic Utility Computing Architecture for Linking Your Programs To Useful Systems (algo así como “arquitectura de computación de utilidade elástica para ligar os seus programas a sistemas útiles”, formando un simpático acrónimo), é unha infraestrutura de código aberto que serve para implementar un sistema de computación na nube usando clústers de computadores e/ou granxas de estacións de traballo.
Actualmente EUCALYPTUS é compatíbel no nivel de interfaces co coñecido servizo EC2 de Amazon.com (que se podería dicir que é o servizo de computación na nube de máis éxito comercial), pero a infraestrutura está deseñada para poder ser modificada e estendida de modo compatíbel con múltiplas interfaces na parte de cliente. Ademais, ao estar construído empregando ferramentas comunmente dispoñíbeis en Linux e tecnoloxías básicas de servizos web, resulta moi fácil de instalar e manter.

En global, o obxectivo do proxecto EUCALYPTUS é o fomento da investigación da comunidade e o desenvolvemento de tecnoloxías para a implementación de servizos na nube, estratexias de localización de recursos, mecanismos e políticas para os contratos por servizos, e modelos de uso.

A versión actual de EUCALYPTUS é a 1.5.2, que inclúe as seguintes características:

  • Compatibilidade a nivel de interfaces con EC2 e S3 (tanto para os servizos web como para as interfaces Query/REST)
  • Despregamento e instalación simples
  • Compatibilidade coa maioría de distribucións Linux (paquetes binarios e de código)
  • Comunicación interna segura empregando SOAP con WS-security
  • Ferramentas de administración da nube para a xestión do sistema e das contas de usuarios.
  • Capacidade para configurar múltiples clústers, cada un con enderezos internos de rede privados, dentro dunha única nube.
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal