Hai xa varias versión que OpenOffice.org permite inserir clips de son pregravados nas presentacións, no entanto, aínda non proporciona a posibilidade de gravar son ou sincronizar diapositivas con pistas de CD como se pode facer co PowerPoint de Microsoft. Grazas a eVoice sálvase esta distancia entre ambas aplicacións.
eVoice é unha extensión para o Impress de OpenOffice.org. Grazas a ela é posible gravar sons e inserilos directamente nunha diapositiva dunha presentación. É moi doada de instalar así como de aprender o seu funcionamento. Pódese descargar dende o portal de extensións para OpenOffice.org.
Como requisito previo é preciso ter instalado Java para que funcione, mais ollo se se emprega unha versión libre, xa que por exemplo coa versión de Java que vén con Debian non funciona aínda que co IcedTea de Fedora si.
A través do eVoice pódese engadir unha única gravación por diapositiva. O uso máis básico será pois crear unha narración para unha presentación automática. Así medindo o tempo da locución pódese axustar o tempo de mostra da diapositiva dende o menú Presentación de diapositivas -> Transición de diapositivas -> Avanzar diapositiva -> Automaticamente após, poñendo os segundos que dura a locución.
Máis tamén se pode empregar como unha ferramenta de gravación, moito máis simple que outras como pode ser Audacity, pero tamén máis doada de usar. Se se reempraza o micro por un cable estéreo pódense gravar música directamente dende un reprodutor MP3. Medindo ben as duracións e axustando o tempo de exposición das diapositivas é posible crear unha música de fondo para unha presentación máis profesional.
Roberto Brenlla, no seu blogue xa nos daba conta da existencia desta extensión e nos comentaba que na páxina dos seus creadores hai unha pequena guía de uso ademais dun ficheiro coas instrucións de configuración.
