O pasado sábado 11, como vos anunciamos no seu día, a asociación xeoPesca organizou a súa primeira Mapping Party no concello de Poio cun gran éxito de convocatoria.
Máis de 20 persoas déronse cita no lugar para aprender a mapear e contribuír a mellorar a cartografía libre da zona, así como pasar un bo rato en boa compaña. A idea era pois ter unha xornada lúdica de aprendizaxe de creación de mapas de información aberta. E á vista dos resultados e das imaxes da xornada, o obxectivo foi acadado.
Segundo datos proporcionados pola organización, o grupo estaba formado concretamente por vintedúas persoas de diferentes localidades galegas, de diversos rangos de idade e inquedanzas variadas. O obxectivo perseguido era ter unha xornada de aprendizaxe lúdico sobre a creación de mapas de información aberta.

A primeira parte da xornada comezou cunha necesaria introdución teórico-tećnica na que varios membros da asociación xeoPesca fixeron unha pequena exposición de contidos para poder realizar o mapeado, pasando logo a unha dinámica colaborativa e cun estilo de obradoiro, adaptando a información ás preguntas dos asistentes.

Unha vez finalizada esta exposición tivo lugar a saída de campo para a recollida de información e finalmente o volcado de datos para obter o resultado final.
As ferramentas principais usadas foron Open Street Maps como soporte para os datos recollidos e a app OSM tracker como ferramenta de recollida de datos, a parte, por suposto de notas en papel.
Podedes ollar na imaxe anterior da zona mapeada en OpenStreetMap a evolución do traballo realizado voluntariamente polos participantes, no cal rexistraron unha boa cantidade de información xeográfica de Raxó (Poio).
