Mancomún

Éxito de asistencia e satisfacción no curso Traballo diario con Ubuntu

Venres, 29 Xullo 2011

A pasada fin de semana rematou o curso “Traballo diario con Ubuntu” da Universidade de Verán da USC con gran éxito de asistencia e satisfacción por parte do alumnado e profesorado. Do total de 50 prazas dispoñibles matriculáronse 47 persoas das que 45 asistiron con regularidade.

Asistentes ao curso de Ubuntu da Universidade de verán da USC

O 52% dos asistentes eran estudantes da USC e o 23% eran docentes non universitarios dependentes da Consellería de Educación, e polo tanto posibles usuarios do equipamento do proxecto Abalar. A procedencia dos asistentes foi fundamentalmente da provincia de A Coruña e particularmente do contorno de Santiago de Compostela, motivado probablemente polo horario do curso, de luns a venres de 16:30 a 20:30 que era máis propicio para a xente próxima a Santiago.

Durante os 5 días do curso, os asistentes recibiron formación básica sobre como traballar comodamente no escritorio de Ubuntu, como desenvolverse pola internet a través do navegador Firefox, como atopar e instalar novos aplicativos no sistema, como resolver problemas cando non hai alternativas libres, como xogar en Ubuntu e unha rápida ollada a todas as posibilidades que ofrece este completo sistema operativo. O curso foi impartido por Enrique Estévez Fernández, Miguel Ángel Rodríguez Muiños, David Martínez Carballo, Francisco Diéguez Souto e Denís Fernández Cabrera.

Como material adicional, déuselle ao alumnado o seguinte:

Ademais están a elaborar un documento con ligazóns a materiais de referencia ou de utilidade, como complemento ao visto durante o curso para que o alumnado, e calquera outra persoa con interese, poida profundar nas súas capacidades de traballo con Ubuntu.

O grao de satisfacción co curso é excelente, sendo un 91% os que amosan ter un alto grao de satisfacción tanto co resultado do curso como coa cobertura das súas expectativas e un só un 2% manifesta estar pouco satisfeito. O 93% do alumnado recomendaría o curso a outras persoas o que supón un recoñecemento á labor do profesorado deste curso así como ao persoal da OSL da USC pola excelente organización do mesmo.

Lembrámosvos que segue aberto, ata o 26 de agosto, o prazo de inscrición no Curso de localización de aplicativos ao galego e no Curso de deseño e autoedición con Software Libre: logotipos, revistas e retoque fotográfico para os que aínda quedan prazas dispoñibles.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal