-
O congreso internacional ODF Plugfest terá lugar entre os días 15 e 17 de abril na Universidade de Granada.
-
Daranse cita as máis importantes empresas desenvolvedoras de software do mundo xunto a entidades públicas e gobernos europeos.
A histórica capital andaluza foi elixida para celebrar a terceira edición do congreso mundial ODF Plugfest, que terá lugar do 15 ao 17 de marzo na Universidade de Granada, organizado polo NOiV do Goberno de Holanda, Fedict do Goberno de Bélxica, CENATIC (Centro Nacional de Referencia de Aplicación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación baseadas en Fontes Abertas), a empresa especializada en interoperabilidade OPENTIA e a Universidade de Granada, baixo o amparo do comité de estandarización ODF de OASIS.
Un congreso único no mundo.
O ODF Plugfest reunirá en España aos expertos internacionais máis importantes en materia de interoperabilidade documental, así como aos altos responsables das principais aplicacións ofimáticas e documentais do mercado. O obxectivo deste congreso é dobre, por unha banda acadar a máxima interoperabilidade entre os aplicativos, plataformas e tecnoloxías no intercambio de documentos dixitais, e doutra banda, combinar este traballo técnico coa difusión do formato documental aberto ODF.
“O ODF Plugfest é o lugar no que se intercambia o coñecemento das distintas aplicacións ODF para lograr a súa necesaria interoperabilidade", comentou o Ministro de Comercio Exterior de Holanda, Frank Heemskerk, na primeira edición do congreso celebrada na Haia, engadindo "Holanda pode perfectamente denominarse punteira ao establecer que a Administración Pública está obrigada a empregar ODF."
Miguel Jaque, director xerente de CENATIC, patrocinador principal do congreso, comentou que a elección de Granada como sede do congreso débese en boa medida "ao interese espertado pola avanzada Lei 11/2007 de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e o Esquema Nacional de Interoperabilidade, co que o Goberno español, do mesmo xeito que Holanda, mostrou a súa forte aposta polos estándares abertos como elemento crave da súa estratexia para o desenvolvemento da Sociedade da Información". Ademais, Jaque quixo agradecer como patrocinador principal do evento "o apoio comprometido de entidades como OpenOffice, Microsoft, Google, Oracle, IBM, Red Hat, KOffice e outras… que coa súa participación en PlugFest demostran o seu respaldo aos estándares abertos e consolidan a competitividade dos seus produtos á vez que achegan maior liberdade aos usuarios".
Pola súa banda, Alberto Barrionuevo, director xeral da empresa experta en interoperabilidade OPENTIA, e coorganizadora do congreso, declarou que “as empresas informáticas europeas logramos competir nun mercado mundial grazas a que se definiu e oficializou OpenDocument como estándar ISO 26300”, concluíndo que “con esta acción por primeira vez na historia da informática se disociaba completamente o formato e o aplicativo, permitindo que calquera empresa grande ou pequena puidese cos seus propios programas ler, manexar e escribir os documentos electrónicos en igualdade de condicións a calquera outro operador do mercado”.
Finalmente, desde a Universidade de Granada, José Luís Vertegay, delegado TIC do Reitor, resaltou a importancia de que a súa Institución sexa elixida para decidir como se transcribirá a dixital o coñecemento humano dos próximos decenios; “a Universidade non é só un centro de coñecemento senón tamén un centro de innovación e resolución de problemas reais para a Humanidade. Que mellor lugar pois para ser anfitrión dun encontro histórico como o ODF Plugfest?”
Máis información: ODF Plugfest Granada 2010.
