Eyewriter é un aparello que combina hardware e software para que persoas con parálise total poidan debuxar usando unicamente os seus ollos. Esta ferramenta, desenvolvida por Graffiti Research Lab, openFrameworks e The Ebeling Group, baséase en software libre (escrito en C++) co propósito de que calquera persoa poida facer uso del con custo nulo e dun xeito doado.
O proxecto, non entanto, atópase nun estado moi prematuro. E se ben en dez días o equipo de desenvolvedores xa tiña un primeiro prototipo viábel co que poder recibir o apoio de máis organizacións e empresas, aínda foi no mes de agosto cando comezou unha segunda fase na que pretenden publicar na rede todas as instrucións necesarias para crear a máquina e poñer a disposición de quen queira o software co cal funciona o invento. A idea a longo prazo é crear unha rede de programadores, expertos en hardware, artistas e enfermos dela para seguir traballando na creación de sistemas e softwares que permitan aos afectados pola enfermidade desenvolver o seu potencial artístico cos ollos.
A iniciativa de EyeWriter xorde cando a esclerose lateral amiotrófica deixa postrado na cama ao "graffitero" Tony Quan sen posibilidades de mover ningunha parte do seu corpo agá os seus ollos. Foi daquela cando os seus amigos deciden empezar a traballar en conseguir un sistema de baixo custo e software libre capaz de seguir e interpretar o movemento dos ollos para que o seu amigo e outros afectados polo ELA puidesen debuxar.
Fonte: Cenatic.es
