Clonezilla preséntase como unha alternativa real ao popular Norton Ghost. Este aplicativo foi desenvolvido polos Laboratorios de software libre NCHC e trátase dunha ferramenta para a xestión e clonado de particións no disco duro; a diferenza doutros aplicativos similares, fai copia de seguranza e restaura calquera partición ou mesmo o disco duro enteiro; é compatíbel cos sistemas de ficheiros máis populares: ext2, ext3, ext4, reiserfs, xfs, jfs de GNU/Linux, con FAT e NTFS de Microsoft e con HFS+ de Mac OS.
Este aplicativo está liberado baixo a licenza GPL e está baseado en DRBL, Partition Image, ntfsclone e udpcast. Ademais conta con dúas presentacións: Clonezilla live e Clonezilla SE(server edition).
Clonezilla live está deseñada para o aseguramento e restauración dun só sistema, mentres Clonezilla SE está deseñado para o despregue masivo, o que lle permite clonar ao redor de 40 computadores ao mesmo tempo. Unha das probas feitas por NCHC foi clonar en 41 computadores simultaneamente, unha imaxe de sistema de 5.6 Gb para o cal empregou nada máis que 10 minutos.
Algunha das características máis salientábeis de Clonezilla son:
-
Compatíbel con LVM2
-
Clonezilla SE é compatíbel con Multicast, que é o máis axeitado para clonar masivamente. Tamén se pode facer a copia e restaurar remotamente un grupo de computadores sempre e cando sexan compatíbeis con PXE e Wake-on-LAN.
-
Está baseado en Partimage, ntfsclone, partclone e dd para a clonación de particións. No entanto, Clonezilla contén outros aplicativos que poden gardar e restaurar non só a partición senón tamén todo o disco duro.
-
Empregando o aplicativo de software libre drbl-winroll, que tamén esta desenvolvido por NCHC, pódese modificar automaticamente o nome do equipo, o grupo e o SID de clonado dunha máquina MS Windows.
Actualmente a versión dispoñíbel de Clonezilla é a 1.2.2-28, que se pode descargar dende esta ligazón.
