No pasado, este grupo de investigación xa lanzara o proxecto FASTRA, co obxectivo de desenvolver un supercomputador de escritorio baseado en hardware dedicado normalmente a xogos. Aquel proxecto resultou ter un éxito enorme, mais este supercomputador non podía ofrecer a potencia computacional requirida polos últimos proxectos de investigación do grupo. Por iso, comezaron a deseñar e desenvolver un sucesor para o FASTRA. Xurdía o FASTRA II.
Este sucesor debía cumprir coas características do primeiro FASTRA: ecolóxico, móbil (máis ben “movíbel”), e barato. E debía ser máis potente que este, claro. E semella que os obxectivos se cumpriron: por uns 6.000 euros, conséguese unha potencia de cálculo de 12TFLOPS.
A clave do FASTRA II está en empregar hardware de gráficos en paralelo para realizar os cálculos. Cálculos que, de realizarse en CPUs convencionais poderían levar semanas, ven reducido enormemente o tempo necesario empregando esta paralelización.
O deseño do FASTRA II contén seis tarxetas NVIDIA GTX295 de dobre GPU (do inglés “Graphical Processing Units”), ademais dunha tarxeta GTX275 cun GPU simple. Con estas 13 GPUs, alcánzase unha potencia de cálculo de 12 teraFLOPS. Para poñer este dato en contexto, digamos que un computador persoal, cun procesador a 3 Ghz pode chegar a ofrecer unha potencia de cálculo de uns poucos gigaFLOPS. FLOPS significa “operacións de coma flotante por segundo”.
Aínda que o sistema está xa en funcionamento, aínda se están a producir certos problemas coa estabilidade do software, debidos probabelmente a incompatibilidades dos controladores gráficos coas modificacións realizadas na BIOS e no sistema Linux empregado neste “supercomputador de escritorio”
