A Asociación Provincial de Parálise Cerebral (APPC) de Tarragona e a empresa CREA Sistemas Informáticos presentaron esta semana a primeira versión pública do proxecto SITPLUS. Trátase dun aplicativo con licenza GPLv3 pensado, principalmente, para ofrecer actividades lúdicas a persoas con múltiples discapacidades. Ofrece novas formas de interacción baseadas na visión artificial e na voz, para xerar un resultado inmediato en forma de imaxe e son. Neste sentido, perfílase como unha plataforma de investigación sobre os beneficios do xogo, a arte e a música interactivos.
SITPLUS é o resultado de máis de 3 anos de investigación, desenvolvemento e intervención directa con xente con parálise cerebral no APPC no contexto do proxecto SATI (Sistema Audiovisual Terapéutico Interactivo).
Inspirado nas aplicacións de causa-efecto, SITPLUS prové unha ferramenta para a interacción continua e remota, asequible para a maioría das persoas con pluridiscapacidade. Foi concibido no APPC a finais do ano 2007 para tratar de proporcionar unha ferramenta ao grupo de persoas para os que a combinación das súas limitacións motoras, cognitivas e mesmo sensoriais, privábanos do acceso ao outras ferramentas comúns. As sesións experimentais realizadas no laboratorio do APPC adicado a este proxecto, demostraron que esta ferramenta non só favorece a participación, involucración e xogo da xente con discapacidades moderadas a severas, senón que tamén foi moi motivadora para persoas con discapacidades máis suaves.
A nova versión do proxecto SITPLUS incorpora un motor gráfico que se pode adaptar a deseños personalizados, soporte para o mando da Wii, un redeseño da mesma para que sexa máis modular, versátil e personalizable e a dobre compatibilidade con GNU/Linux e Windows. As principais características de SITPLUS son:
- Interacción baseada no movemento do usuario a partir dunha webcam ou do mando Wii Remote, e a súa propia voz.
- O movemento pode converterse en son MIDI e en gráficos. En concreto, proporciónase un reprodutor de notas MIDI e un motor gráfico simple. Ambos poden ser personalizados para agregar novas partituras, imaxes e comportamentos.
- A voz do usuario pódese empregar para controlar a saída gráfica. Tamén podes ser procesada usando efectos dixitais como reverberación, eco ou cambio de ton antes de enviala aos altofalantes.
- Poden empregarse simultaneamente os distintos métodos de entrada
- Inclúense algunhas partituras e bancos de imaxes.
- Deseño modular que permite o desenvolvemento de novas actividades baseadas nunha linguaxe de scripting orientada ao fluxo de datos.
- Interface de usuario gráfica que permite axustar o comportamento do software en tempo real.
Coa publicación da ferramenta e a creación dun espazo web adicado ao proxecto perseguen o dobre obxectivo de ofrecer está tecnoloxía ás entidades e familias dunha forma totalmente gratuíta, e por outra, abrir a porta á colaboración para continuar mellorando o proxecto.
SITPLUS está dispoñible para descarga e pode accederse ao código fonte na páxina do proxecto en Sourceforge. Existe tamén un manual de usuario así como foros para solicitar axuda, informar de erros, explicar experiencias de uso, …
Como xa dixemos o proxecto distribúese con licenza GPL v3, e é Copyright (c) 2010-11 Cesar Mauri e a Associació Provincial de Paràlisi Cerebral (APPC) de Tarragona. Contou co apoio da Fundació PuntCAT e o programa Tu Ajudes da Obra Social Caixa Tarragona e o Departament d’Acció Social i Ciutadania da Generatlita de Catalunya.
Esta ferramenta é dos mesmos desenvolvedores de Enable Viacam, o ratón facial do que xa vos falamos no seu momento neste portal.
