Mancomún

Ferramenta para xestión de conexións SSH a servidores

Mércores, 23 Setembro 2009
SSHMenu é un miniaplicativo para GNOME (aínda que tamén pode ser usado noutros contornos de escritorio) que che permite xestionar dunha maneira moi sinxela e cun só clic todas as conexións SSH a máquinas/servidores que usemos habitualmente.

Cada opción de menú abrirá unha sesión SSH nunha nova xanela de terminal. Podes organizar grupos de servidores a través dos separadores ou con submenús. Incluso podes abrir todas as conexións dun submenú en distintas xanelas ou separadores cun só clic. Ademais coa xestión de perfís incluída, podes xestionar como se vai visualizar determinada xanela de conexión a unha máquina, e poderás especificar a fonte, cor, tamaño, posición, transparencia e moitas outras características da xanela.

Os usuarios de Debian e Ubuntu poden instalar unha versión bastante recente deste aplicativo directamente do repositorio de software da distribución. Para obter a versión máis recente, o mellor é visitar a páxina de descargas de SSHMenu, descargar o paquete de código fonte e compilalo.
Na súa páxina web, na sección de configuración, descríbese como engadir o miniaplicativo ao panel de GNOME ademais de explicar as opcións de configuración con máis detalle.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal