Mancomún

Ferramentas colaborativas para contornos empresariais

Xoves, 16 Xullo 2009

As ferramentas colaborativas e de xestión documental son extremadamente útiles á hora de xestionar (crear/editar) documentos, enviar/recibir correos, xestión de contactos, axendas entre varios traballadores, e supoñen unha mellora na produtividade e no rendemento diario.

A continuación presentamos unhas cantas ferramentas colaborativas en software libre como alternativas a outras solucións propietarias, como poden ser o SharePoint de Microsoft ou HyperOffice:

  • MindTouch: orixinalmente naceu coma un aplicativo "wiki", mais actualmente é capaz de xestionar todo o coñecemento dunha empresa: manuais, asistencia técnica, base de datos de coñecementos, etc… É moi sinxelo de utilizar, ten unha interface web 2.0 e pode converterse nunha intranet moi flexíbel, configurábel e moi sinxela de integrar con outros aplicativos web.
    Segundo a propia web do aplicativo, máis de 16 millóns de usuarios ao redor do mundo usan a súa solución. Ademais, entre os seus socios están compañías tales como a fundación Mozilla, Cisco ou o exercito dos EE.UU.

    Está nominado aos premios SourceForge.net 2009 na categoría de mellor aplicativo comercial en software libre.

  • Alfresco ou Knowledge Tree: Moi recomendados se se require unha xestión documental moi avanzada, con rexistro de entradas/saídas, fluxos de aprobación, … Os dous son moi boas alternativas, sendo a diferencia principal que Alfresco ten unha instalación/configuración máis complexa pero tamén ten funcionalidades máis avanzadas.

    KnowledgeTree tamén está presente nos premios SourceForge.net 2009 na mesma categoría que MindTouch.

  • Liferay: Liferay é unha ferramenta para a creación de portais corporativos nos cales incluír todas as ferramentas necesarias para a xestión da empresa. O portal usa tecnoloxía Java baseada en ‘portlets’. Inclúe múltiples aplicativos e/ou funcionalidades: control de acceso mediante inicio de sesión a través de Active Directory, OpenID ou LDAp, integración con Microsoft Exchange, compatibilidade con PHP e Ruby, compatibilidade cos calendarios iCal, WebDAV, etc…

Máis información na páxina de cada un dos proxectos.

Fonte:
http://tinval.wordpress.com/

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal