Podemos ler nos blogs de techrepublic.com un artigo no que se dá conta de dez aplicativos en GNU/Linux que resultan perfectos para empregar en contornos educativos. Como ben din no propio artigo, "seguro que na lista atopa cando menos un aplicativo que resulta perfecto para a súa situación".
A lista de aplicativos, traducida, é a seguinte:
- ATutor
Se é vostede un profesor, debería botarlle un ollo. É un sistema en liña que lle permite xestionar os seus cursos, e lles ofrece aos alumnos unha maneira de manterse ao tanto do que está pasando co traballo do curso. Con Atutor, pode asignar tarefas, publicat test, e máis cousas. Os estudantes poden crear contas no sistema, e os estudantes e profesores poden manterse en contacto mediante mensaxes e correos electrónicos. Pódense crear grupos de traballo para proxectos, clases, etc. Unha vez que comece a traballar con Atutor, verá que a forma de traballar estará máis organizada.
Italc é unha ferramenta didáctica moi potente que permite vixiar e controlar computadores, con propósitos educativos. Poderá amosar demostracións, e incluso bloquear computadores. Tamén ofrece a posibilidade de reinicialos ou apagalos de xeito remoto. É compatíbel con Linux e Windows XP, e pronto tamén con Vista. Licenza GPL.
Online Grades permite publicar en liña as cualificacións dos estudantes e información sobre a súa asistencia. Permite crear usuarios en distintos roles (estudantes, pais, administradores…)
Open Admin For Schools é un destacado aplicativo de código aberto que lles permite aos centros educativos efectuar toda a administración de estudantes, o que inclúe informes de estudantes, de asistencia, informes médicos, disciplinarios… Open Admin está repartido en catro departamentos: Administración, profesores, pais e Educación Especial. Cada un deles está feito á medida para axustarse ás necesidades de ese grupo específico
FET simplifica a programación dos horarios do curso académico. Emprega un algoritmo heurístico que ten en conta certos datos, como días por semana, horas, materias, profesores, actividades, grupos, subgrupos, edificios, aulas, e restricións de espazo ou tempo. Unha vez introducidos os datos necesarios, FET empregará este algoritmo contra eles. Se ocorrese un erro, FET informaría para podelo corrixir. Dispoñíbel para Linux, Windows e OS X.
Gcompris vai enfocado á educación de rapaces de 2 a 10 anos, mediante varias actividades e xogos. Algunha destas actividades céntrase en axudarlles aos rapaces a entender mellor como se emprega o computador, outras céntranse en disciplinas estándar, como matemáticas, álxebra, ciencias, xeografía… Actualmente, en Gcompris hai máis de 100 actividades incluídas.
Edubuntu é unha distribución orientada a contornos educativos. Inclúe software, ferramentas e contidos enfocados para ese fin. Entre os programas incluídos podemos atopar: Dia, GCompris, Gobby, Gnu Paint, Inkscape, iTalc, kalgebra, Kalzium, Kbruch, Kig, ou kmplot, entre outros. Se está a buscar un sistema operativo enfocado á educación, Edubuntu pode ser unha boa escolla.
KStars é un planetario de escritorio que forma parte do proxecto educativo de KDE. Ofrece unha simulación precisa do ceo nocturno visto dende calquera punto do planeta. KStars inclúe máis de 100 millóns de estrelas, 13000 obxectos celestes, oito planetas, o sol, a lúa, cometas e asteroides.
KWordQuiz é un aplicativo enfocado a axudar no adestramento de vocabulario empregando tarxetas mnemotécnicas, pero pódese aplicar a moitos outros fins.
ChildsPlay é unha suite de ferramentas orientada a axudar a nenos pequenos a aprender matemáticas e lingua. Estas ferramentas inclúen: memoria, letras, números, “son-e-imaxe”, e moitos outros aplicativos “orientados ao xogo”. ChildsPlay emprega un sistema de plugins, así que se lle poden engadir ou quitar xogos segundo se necesite.
