Mancomún

Ferramentas en liña para principiantes en GNU/linux

Martes, 12 Maio 2009

Aos que queren comezar no mundo do software libre e GNU/linux preséntanselle sempre un par de dúbidas: Será linux compatíbel cos compoñentes do meu computador? E, que distribución escollerei de entre todas as opcións que existen?

Existen unhas ferramentas en liña que nos poden axudar a tomar esas decisións:

  • Linux distribution chooser
  • Debian hcl

A primeira ferramenta é a máis sinxela de empregar. Trátase dun pequeno cuestionario onde se nos preguntará polas nosas preferencias e se nos suxerirá a distribución que máis se adecúe ás nosas necesidades.

As preguntas que se nos farán van dende “Sabe como "particionar" un disco duro?”, ou “Que tipo de instalador prefire?”, ata “En que tipo de ordenador ten pensado instalalo?”.

Para comezar o test, teremos que premer no botón de “Take the test! >>”, o que nos levará a unha páxina onde poderemos escoller o idioma no que se presentará a interface. Hai dispoñibles unha grande cantidade de idiomas, incluíndo castelán, portugués, inglés…
Unha vez decidido cal é a distribución que máis nos convén (é recomendábel que inclúa cd-vivo), descargarémola, a reiniciaremos o noso computador co cd-vivo dentro da bandexa. E xa estaremos listos para empregar a segunda ferramenta, que serve para comprobar a compatibilidade do núcleo linux co hardware do noso computador.

Para empregar a segunda destas ferramentas, deberemos executar nunha consola a orde “lspci -n”. Copiaremos entón a saída da orde, e pegarémola no cadro de texto do formulario da páxina. Con esa información, dirásenos se os dispositivos funcionan co núcleo linux, e de ser así, que módulo do núcleo é o que emprega cada un dos dispositivos (esta información pode resultar moi útil, non só aos novatos, senón tamén para usuarios e administradores experimentados que se enfronten a dispositivos novos ou que non coñezan…)

Se todo o noso hardware resulta compatíbel, o seguinte paso sería instalarmos a distribución, e comezar a empregar GNU/linux.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal