Mañá xoves 28 de abril de 2011 terá lugar unha Festa galega de lanzamento de Gnome 3.0 na aula 3.1 da Facultade de Informática da Universidades de A Coruña, organizada pola asociación Ghandalf en colaboración coas asociacións Gpul e Trasno, á que nos convidan a todos a asistir.

O pasado 6 de abril publicouse finalmente a agardada versión 3 de Gnome dispoñible 100% en galego. Esta versión supón unha nova xeración de escritorio modernizado e deseñado tendo presente as novas tecnoloxías e dispositivos de hoxe en día e ás novas necesidades dos seus usuarios. Con esta versión o proxecto Gnome dá un enorme salto cualitativo tanto dende o punto de vista tecnolóxico, como dende o punto de vista funcional.
Para profundar axeitadamente en Gnome3 Ghandalf, Gpul e Trasno téñennos preparado o seguinte programa:
- 18:00 – 18:15 Presentación da GNOME 3 Launch Party Galicia
- 18:15 – 18:45 Presentación do proxecto GNOME
- 18:45 – 19:15 Demo de GNOME 3
- 19:15 – 19:45 GNOME 3 galeguizado
- 19:45 – 20:00 Sorteo de agasallos entre os asistentes, incluíndo un portátil con GNOME 3!!
En base ao programa exposto, percorrerán a interesante historia do proxecto Gnome, amosando as importantes innovacións presentes tras do recente salto xeracional, para a continuación ver en acción o que Gnome 3 nos ofrece, e coñecer de primeira man o intenso traballo da comunidade galega de localización de Gnome, a cal posibilitou que todos nós poidamos desfrutar de Gnome 3 en galego dende o primeiro día.
Para rematar a launch party, repartirán agasallos entre todos os asistentes. A maiores das camisolas, chapas, tazas, etc. conmemorativas do lanzamento, tamén sortearán un portátil con Gnome 3, listo para empregar a última versión deste estupendo escritorio libre!
Gnome 3 100% en galego
En referencia á tradución o Equipo de Tradución ao Galego do GNOME non quixo deixar de aproveitar o impulso e incríbel traballo dos desenvolvedores nesta publicación para tamén darlle un importante pulo ás traducións. Así, como xa nos teñen afeitos, o idioma Galego é un dos primeiros en ter completada a tradución. Máis non conformes con acadar ese espectacular 100% das case 40.000 cadeas de texto traballaron arreo na mellora da calidade das tradución mediante revisións ortográficas, técnicas e finalmente contextuais das traducións de todos os aplicativos.
Pode comprobarse parte do traballo feito nas seguintes ligazóns:
Este excelente traballo foi capitaneado por Fran Diéguez, coordinador da tradución ao Galego, quen quixo darlle unha especial mención neste caso aos que axudaron na tradución e apoiaron a mesma: Miguel Bouzada, Darío Villar Veres, Gonçalo Cordeiro e Leandro Regueiro e en xeral ao Proxecto Trasno grazas ao cal temos a posibilidade de que os principais proxectos de software libre estean, tamén, na nosa ben querida lingua, lucindo con traducións harmonizadas e corrixidas.
A Gnome Launch Party forma parte das actividades que estas asociacións realizan co financiamento da Xunta de Galicia a través do Convenio de Colaboración das AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011.
