O vindeiro venres 17 de outubro a partir das 16:00 horas terá lugar o acto de entrega da VII edición do Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre que convoca a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) coa colaboración da Oficina de Software Libre do CIXUG. O acto celebrarase na Sala Eisenman da Cidade da Cultura.
O pasado 30 de setembro rematou o prazo de presentación de candidatos ao premio, cun récord histórico de participación.
Recibíronse un total de 15 inscricións, completando 14 candidatos todos os pasos requiridos para a participación. Cómpre destacar ademais da cantidade, a variedade de áreas e a calidade de todos eles, habendo por primeira vez dous proxectos que, ademais de desenvolvemento de software publicado con licenza libre, empregaron tamén hardware libre.
Con estes datos, podedes imaxinar que a tarefa do xurado para a elección dos finalistas non foi un traballo doado. Segundo se recollía nas bases, ademais da calidade técnica dos traballos, o xurado valorou especialmente o correcto licenciamento dos proxectos así como o uso de metodoloxía de traballo propia dos desenvolvementos en aberto.
Candidatos
Aínda que só pode haber un gañador do premio, todos os candidatos son merecedores de recoñecemento polo seu traballo e por telo desenvolvido empregando tecnoloxías libres e publicando o resultado final á súa vez con licenza libre, polo que a continuación recollemos unha breve descrición dos proxectos dos 14 candidatos participantes:
- Alexandre Filgueira Lago Deseño e execución dun robot móbil de interiores para uso docente. O proxecto consiste no deseño e construción dun robot móbil autónomo, empregando unha praca baseada en Arduino e o desenvolvemento dunha aplicación móbil, para S.O. Android desenvolta coa linguaxe appinventor, a cal está baixo licenza MIT.
- Fernando Vázquez Novoa Implantación dun ERP de código aberto na Asociación Clúster da Xeotermia Galega. O proxecto consistiu na implantación de OpenERP na Asociación Clúster da Xeotermia Galega (ACLUXEGA) adaptando dito ERP ás súas necesidades.
- Xacobe Macía da Silva Implementación dunha solución VDI para escritorios Linux na Universidade da Coruña. Proxecto no que se realizou unha análise das posibles solucións de Infraestrutura de virtualización VDI para escritorios GNU/Linux no mercado actual, seleccionando a adecuada para o entorno da UDC, realizando o deseño, implantación e despregue da mesma nun entorno corporativo real.
- Vreixo González Caneda Aplicativo de cálculo de rutas en transporte público con software libre. Este proxecto consistiu no desenvolvemento dun aplicativo para o sistema operativo Android, que ofrece cálculo multimodal de rutas en distintos medios de transporte publico, a pé e en bicicleta co obxectivo de servir de ferramenta de busca das mellores rutas. Fai uso da infraestrutura libre OpenTripPlanner (OTP). Ademais despregouse un servidor para a rexión da Coruña-Ferrol que inclúe os datos de autobuses de ambas cidades, as respectivas redes de alugamento de bicicletas, así como os servizos de tren de interconexión.
- Luís Alfonso Fernández Serantes Deseño e implementación de un emulador de fontes de corrente continua a partir dun convertidor DC/DC. Trátase dun traballo de fin de grao en Enxeñería Eléctrica no que se desenvolve un programa de emulación deste tipo de baterías e a súa implementación en forma de práctica mediante unha plataforma de hardware libre.
- Iago Veloso Abalo Sistema de grabación automática da emisión en directo dunha emisora de radio comunitaria con Software Libre. Este proxecto desenvolve unha aplicación web e un programa gravador. A aplicación web é a cara visible do sistema onde os oíntes atopan toda a información da emisora podendo escoitar directamente os programas a través do seu navegador ou subscribirse a aqueles que sexan do seu interese. Pola outra cara o programa gravador encargarase de maneira automática de capturar o son e publicar os contidos da emisora na web.
- Luís Omar Álvarez Mures Ferramenta para o traballo interactivo con grandes nubes de puntos 3D. Este Traballo Fin de Grao consiste no deseño e desenvolvemento dunha ferramenta software multiplataforma para a visualización, xestión e manipulación interactiva de grandes volumes de nubes de puntos 3D, como poden ser as obtidas por un escáner LIDAR.
- David Albela Pérez Aplicación de soporte para o mantemento de produtos software. Este proxecto desenvolve un aplicativo para dar soporte á xestión do mantemento de produtos software, permitindo xestionar as peticións de cambio e as actividades necesarias para desenvolvelos, proporcionando unha serie de indicadores a nivel de proceso, que permitan facer un seguimento do mantemento.
- Mª Purificación Velasco Montes Pedais": Aplicación móbil de consulta, realización y creación de rutas ciclistas . Desenvolvemento dun aplicativo para crear, consultar e realizar rutas ciclistas desde un dispositivo móbil. Amosa valores de tempo transcorrido, velocidade media e máxima e ruta trazada sobre un mapa.
- Rafael Malvido Rodríguez Aplicación para a xestión de prácticas en empresas. Desenvolvemento dun aplicativo para a xestión de prácticas curriculares en empresa empregando Drupal7 para o desenvolvemento.
- Santiago Saavedra López Trustable Distributed Storage over Untrusted Peers. Este proxecto pretende desenvolver unha rede distribuía de contidos actualizables e versionables sen necesidade dun terceiro de confianza.
- Alejandro Pernas Pan Biblioteca e aplicación web para a realización de operacións sobre documentos. Este proxecto desenvolve unha biblioteca e unha aplicación web que permite realizar unha serie de operacións con ficheiros en formato PDF, tales coma unión e separación de documentos, protección, desprotección, ou creación de marcas de auga, operacións que a maioría dos usuarios precisan realizar nalgún momento.
- Manuel Fontenla Cadavid Programación en R de problemas de busca de árbores óptimas. Programación dunha serie de paquetes e bibliotecas na linguaxe de programación R e en Javascript que permiten traballar con grafos e aplicar sobre eles algoritmos para a obtención de árbores óptimas como a árbore de custe mínima, a arborescencia de custe mínima, a árbore do camiño máis curto ou a árbore do corte minimal.
- Damián Aragunde Pérez Deseño e implementación dunha ferramenta de axuda á audición mediante o uso de tecnoloxías móbiles. Este proxecto consiste no desenvolvemento do aplicativo para dispositivos Android OK-OH! para servir como método de axuda a persoas con perda auditiva. A aplicación percibe o son circundante mediante os micrófonos e ofréceo ao usuario de maneira clara e aumentada
.
Como se pode apreciar, ademais da cantidade é reseñable a variedade de áreas temáticas, xa que ademais das habituais titulacións Informáticas, hai proxectos da Escola Técnica de Enxeñería Técnica Industrial da UDC, Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Minas de Vigo, Escola Universitaria Politécnica da UDC e da Facultade de Matemáticas da USC. E finalmente destacar que a calidade dos proxectos é moi boa, habendo varios que recibiron a cualificación de Matrícula de Honra polos seus respectivos tribunais.
Noraboa a todos eles, e agardamos que esta experiencia de ter traballado co software libre lles sirva no seu futuro laboral.
Finalistas
Os 5 finalistas seleccionados polo xurado son :
- Vreixo González Caneda Aplicativo de cálculo de rutas en transporte público con software libre.
- Iago Veloso Abalo Sistema de grabación automática da emisión en directo dunha emisora de radio comunitaria con Software Libre.
- David Albela Pérez Aplicación de soporte para o mantemento de produtos software.
- Santiago Saavedra López Trustable Distributed Storage over Untrusted Peers.
- Damián Aragunde Pérez Deseño e implementación dunha ferramenta de axuda á audición mediante o uso de tecnoloxías móbiles.
Estes 5 candidatos deberán realizar unha breve presentación ante o xurado o vindeiro venres sobre o traballo realizado no seu proxecto, facendo especial fincapé nos aspectos relacionados co Software Libre, dos logros acadados, das motivacións para publicalo con licenza libre, da experiencia nas comunidades, das perspectivas de futuro, etc.
Logo das 5 presentacións, o xurado deliberará para tomar a súa decisión final e nomear ao gañador do primeiro premio, dotado con 1.500 euros patrocinado polo CIXUG, e o merecedor do accésit de 750€ patrocinado por GPUL.
Xurado
O xurado está composto polas seguintes persoas:
- Víctor Rodríguez Arós en representación da AMTEGA
- Breogán Cinza Cabarcos en representación da AMTEGA
- Luís María Hervella Nieto en representación da Universidade da Coruña
- José Varela Pet en representación da Universidade de Santiago de Compostela
- Francisco Javier Rodríguez Martínez en representación da Universidade de Vigo
- Brais Arias Río en representación da Asociación Asociación de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL
Sobre o Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre
O obxectivo do premio é achegar aos universitarios galegos ao software libre, de xeito que poidan incrementar o seu coñecemento sobre este tipo de tecnoloxías e abrirlles as portas a novas posibilidades de emprego relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación.
Dada a orientación deste premio aos estudantes do Sistema Universitario Galego, a Amtega conta coa colaboración da Oficina de Software Libre do CIXUG e integra, ademais, a todos os axentes do ecosistema do software libre galego. Así, para a organización e difución do premio cóntase coa achega económica da asociación GPUL, coa colaboración da a Asociación Galega de Empresas de Software Libre, AGASOL, e das asociacións galegas de usuarios de Software Libre GALPon, Ghandalf, GPUL, Melisa e Trasno.
