A Fundación Mozilla e o equipo de localización ao galego co que colabora a Oficina de Software Libre do CIXUG anunciaron a dispoñibilidade desde onte do Firefox 15. Esta versión é o último froito da nova estratexia de desenvolvemento áxil que entrega constantes novidades e melloras aos 450 millóns de usuarios do navegador libre, practicamente ao ritmo de unha por mes.
De feito, xa están andando o camiño desde as temperás versións alfa a beta os vindeiros Firefox e Thunderbird números 16 e 17, como se pode comprobar no seu calendario de publicacións previstas.
Volvendo á versión 15 que nos ocupa hoxe, engádese funcionalidade de fábrica para lectura e manexo de PDF, directamente e sen complementos e a compatibilidade coa versión 3 do protocolo de rede SPDY, que se está a converter nun novo estándar para unha navegación máis rápida entre os xigantes da Rede, así como melloras no motor WebGL que nos ofrecen entre outras cousas un mellor rendemento na compresión de texturas. Naturalmente isto só constitúe a parte das melloras que máis van axudar o usuario final pero ademais a versión 15 trae melloras que serán especialmente útiles para desenvolvedores e deseñadores de contidos web.
Pode obter a súa copia libre do Firefox en galego desde http://www.mozilla.org/gl/firefox/new/ ou http://www.mozilla.org/gl/firefox/fx/
Ou se lle interesa actualizar a súa versión do xestor de correo, probe o novo Thunderbird 15 que trae consigo como novidades: a conversa multicanle, a importante protección contra o seguimento da nosa navegación na rede, aumento das opcións de compartir ficheiros -desde agora engádese a compatibiliade con Ubuntu One e YouSendIt- ou o novo estilo de interface dos produtos da Mozilla Foundation.
Descargar o Thunderbird http://www.mozilla.org/gl/thunderbird/
E tamén pode participar no desenvolvemento dos programas de múltiplas maneiras: aínda que non saiba programar nin un bit, pode colaborar probando as súas novas funcionalidades, informando de erros para axudar a realizar axustes, detectando erros da tradución, difundido no seu entorno as novas versión ou axudando a traducir as páxinas informativas para os usuarios.
O equipo galego, coordinado por Enrique Estévez e a Fundación Mozilla están sempre dispostos a recibir a opinión dos seus usuarios e abertos á colaboración. Non dubide en aproveitar a ocasión: http://input.mozilla.org/gl/feedback
Esta actividade forma parte das actividades que o CIXUG desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia.
