Dailymotion, un dos maiores sitios web de vídeos, anunciou a semana pasada o lanzamento dunha nova plataforma en fase de probas na que os vídeos incluídos estarán codificados exclusivamente en formatos abertos, converténdose no primeiro portal de vídeos en promover o estándar Open Video.
Nesta nova plataforma poñerán a disposición do público todos os vídeos, codificados desta volta con Ogg, Theora + Vorbis. A consecuencia inmediata disto é que xa non será necesario o uso do plugin de flash para reproducilos.
Este innovación foi posíbel grazas ao emprego da etiqueta <video> de HTML 5 e principalmente porque esta xa é interpretada correctamente pola última versión de Firefox 3.5 beta. Esta versión pode obterse dende a páxina de descargas de Mozilla, e grazas ao traballo da comunidade de tradución ao galego, coordinada por Mancomún, tamén está dispoñíbel en galego.
Segundo di o equipo de Dailymotion, polo momento, a calidade e o son dos vídeos non son óptimos debido a que os formatos de codificación non son aínda tan bos como outros códecs máis habituais. Mais a gran vantaxe é que se basean nun formato aberto que non está patentado, que o seu uso é completamente libre e conta co apoio da Fundación Mozilla.
O equipo de DailyMotion confía en que a calidade mellore moi pronto, e mesmo din que xa teñen algúns trucos preparados para mellorala mais que neste momento están centrando os seus esforzos en recodificar os máis de 300.000 vídeos cos que conta este portal.
Máis alá dos aspectos puramente filosóficos de empregar formatos abertos, outra das vantaxes é que permitirá achegar aspectos innovadores á creación de vídeos e consecuentemente á experiencia do usuario, á publicidade na web… Unha mostra das potencialidades nolas mostran na páxina de demostración.
Xa no mes de febreiro, Chris Blizzard de Mozilla amosou un exemplo destas innovacións no que empregando tan só JavaScript podía detectar e resaltar o movemento nun vídeo mentres se estaba a reproducir, sen necesidade de plugins de terceiros ou outras linguaxes de programación.
Vantaxes do Open Video
O vídeo está a converterse cada vez máis importante na Web, e é cada vez máis evidente que os provedores de contidos, vendedores de navegadores, e os usuarios finais xa non poden permitirse o luxo de que os principais mecanismos de vídeo sexan binarios pechados que non é posíbel mellorar ou adaptar para traballen en novos contornos. Open vídeo garante a liberdade fronte a este bloqueo.
O estándar evolucionará de maneira colaborativa nun proceso incluínte, o que significa que todas as partes interesadas teñen a posibilidade de participar e non estarán en débeda con ningún provedor. A dispoñibilidade de múltiplas implementacións interoperábeis do estándar de vídeo en HTML 5, incluídos algúns que se distribúen baixo licenzas de fonte aberta, está a achandar o camiño para ter un ecosistema vibrante e saudábel no que ningunha empresa ten o dominio total da tecnoloxía. Así por exemplo, agora será posíbel que calquera persoa adapte as distintas implementacións para reproducir vídeo en HTML 5 co fin de optimizar o seu funcionamento en contornos con limitacións de recursos, restricións de tamaño como poden ser os móbiles – o que non se podía facer con Flash.
Fontes:
