- A nova versión estará xa accesíbel en galego grazas ao labor de coordinación realizado por Mancomún na tradución da suite Mozilla
- O traballo desenvolvido cos produtos Mozilla traerá como novidade a tradución do aplicativo para dispositivos móbiles, Fennec
Aínda que a Fundación Mozilla anunciara a liberación da Release Candidate de Firefox 3.5 para a primeira semana de xuño, esta publicación non chegará previsibelmente ata finais da vindeira semana- entre o día 10 e o 12 de xuño. Este atraso deberase aos erros atopados no último momento, feito que está obrigando aos seus desenvolvedores a buscar solucións antes do lanzamento.
Mike Beltzner, director de Firefox, agregou que grazas ao gran número de persoas que están traballando na corrección da nova versión, a análise do navegador estase a realizar con maior rigorosidade, o que permite encontrar posíbeis problemas antes da súa saída.
Mancomún completa a tradución ao galego das novas versións
O Centro de Referencia e Servizos de Software Libre de Galiza conseguiu manter completamente actualizada a tradución de todos aplicativos máis populares da suite Mozilla, os cales estarán dispoñíbeis para a súa descarga oficial dende o seu próximo lanzamento.
Entre estes aplicativos estarán, ademais do popular navegador Firefox, o xestor de correo electrónico, Thunderbird; o administrador de axenda Sunbird e o contorno que os integra a todos nunha única interface, o Seamonkey. Como novidade nesta ocasión estase integrando a tradución do aplicativo para o seu uso en dispositivos móbiles, Fennec.
Coa conclusión da tradución para esta nova versión, Mancomún consegue asentarse como coordinador eficiente na tradución dos produtos Mozilla, deixando atrás a polémica suscitada a raíz das declaracións que hai un ano realizara o presidente da Fundación Mozilla, Tristan Nitot, nas que negaba a capacidade da comunidade galega para realizar a tradución desta suite.
Os aplicativos de Mozilla en galego son utilizados agora por multitude de persoas, tanto no ámbito persoal coma no empresarial e a Administración pública.
Para quen non guste de esperar
Para todas aquelas persoas interesadas en colaborar nestas traducións, xa sexa reportando erros ou probando os aplicativos, é posíbel descargar os aplicativos nas seguintes ligazóns:
- Futura versión do Firefox 3.5
- Futura versión do Thunderbird 3
- Futura versión do Fennec 1
- Futura versión do SeaMonkey 2
- Futura versión do Sunbird 1
Estas versións son de probas e poden conter erros que provoquen algún tipo de perda de datos nos perfís de usuario. Para evitar calquera tipo de problema, deberanse probar estes aplicativos creando un novo perfil de usuario para eles.
Se queredes notificarnos algún erro na tradución, non tendes máis que escribirnos a través dos foros de localización da nosa web e indicarnos os problemas atopados.
