O plan de actuación da Oficina de Software Libre da USC, ao abeiro do convenio de colaboración firmado entre a SXMIT e as tres universidades e que forma parte do Plan de acción FLOSS para o ano 2010 da Xunta de Galicia, ten como proxecto principal a distribución Ubuntu-USC como elemento difusor do FLOSS na comunidade universitaria.
Mais as actuacións desta oficina van un paso máis alá da difusión e promoción, e así, en estreita colaboración coa Área TIC da USC, está a crear os alicerces para acadar un despregue efectivo e real do software libre na USC. Este proceso xa comezou durante o ano 2009 a través dos plans pilotos realizados nas aulas informáticas das facultades de Ciencias da Educación, de Dereito e na ETSE e a formación impartida aos distintos membros da comunidade universitaria (alumnado, PDI, PAS) e a xeración de contidos.
O seguinte paso necesario é a formación aos técnicos informáticos da Área TIC para que adquiran os coñecementos necesarios para xestionar a que xa é a distribución de GNU/Linux elixida para implantar nas aulas, sempre e cando os profesores que imparten docencia nas mesmas soliciten un sistema operativo baseado en Linux.
Así a Oficina de Software Libre da USC organiza en colaboración coa Área TIC un ciclo de cursos sobre a "Administración da Ubuntu-USC" dirixidos exclusivamente aos técnicos informáticos da Área TIC. O obxectivo é capacitar aos técnicos para o despregue, xestión e mantemento das instalacións de software libre baseadas na Ubuntu-USC, a distribución de GNU/Linux adaptada para a universidade
Ao igual que os anteriores cursos levados a cabo este ano pola oficina, este ciclo de cursos inscríbense dentro dos plans de formación que a universidade ofrece aos seus membros pero esta vez a través do servizo de formación ao PAS.
Os cursos terán unha duración de 20 horas. O primeiro comezou a impartirse o pasado luns 7 de xuño na Aula 5 da facultade de Dereito, Campus Sur, en horario de 12:00 a 14:00 e de 16:00 a 18:00 horas ata o vindeiro venres 11 de xuño. A próxima quenda terá lugar tamén na Aula 5 da facultade de Dereito, Campus Sur, do luns 14 ao venres 18 de xuño desde as 9:00 ás 13:00 horas. Estase a planificar ademais outro curso para os técnicos do Campus de Lugo que se prevé levar a cabo durante o mes de setembro.
Os docentes dos cursos son Fran Diéguez (técnico da Oficina) e Óscar Casal (colaborador da Oficina e investigador no DEC da USC) que impartirán o seguinte programa:
- Breve introdución aos sistemas UNIX
- Instalación base do sistema, mediante o uso de máquinas virtuais
- Descrición do sistema de ficheiros LFS (Linux FileSystem)
- Sistemas de ficheiros
- A liña de ordes
- Xestión do sistema de arrinque do equipo
- Configuración da rede
- Firewall (Firestarter)
- Xestión de software instalado
- Administración e acceso remoto
- Autenticación centralizada da USC
- Rexistros do sistema
Fonte: OSL-USC
