Dende este mes de xaneiro está aberto o prazo de inscrición para os cursos de formación que se desenvolverán no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia durante o segundo trimestre do ano 2010.
Estes cursos están dirixidos a profesionais en situación de desemprego ou en activo.
Para inscribirse nos cursos é preciso rexistrarse na web do CNTG, e logo acceder á ficha do curso dende a sección de formación, onde poderá consultarse a información completa sobre o curso así como cumprimentar o formulario de inscrición correspondente.
A oferta formativa sobre tecnoloxías libres cuxo prazo de inscrición está aberto é a seguinte:
Prazo de inscrición ata o 31 de xaneiro de 2010
-
Administración de bases de datos MySQL, cun total de 60 horas lectivas que se impartirán entre o 2 e o 18 de marzo. Conta con dúas edicións, unha en quenda de mañá dirixida prioritariamente a desempregados e outra pola tarde dirixida prioritariamente a traballadores en activo.
Obxectivos: Mediante o presente curso, o/a alumno/a adquirirá os coñecementos necesarios para instalar axeitadamente MySQL, crear e executar estratexias de Backup, crear e protexer procedementos almacenados e actualizar e acceder a datos. Igualmente estará capacitado/a para protexer, definir privilexios de usuario/a e establecer limitacións en canto a recursos e controis de acceso. Ademais, adquirirá coñecementos relativos a funcionalidades de MySQL como a creación e uso de procedementos almacenados, Triggers e Vistas. Como valor engadido da formación a recibir, os contidos do presente curso preparan aos/ás alumnos/as para a obtención das certificacións: 005-002 Certified MySQL 5.0 DBA Part I, 006-002 Certified MySQL 5.0 DBA Part II, que, conxuntamente, conceden ao/á alumno/a a titulación de Certified MySQL 5.0 DBA (CMDBA).
Requisitos: coñecementos básicos do PC, sendo útil a experiencia previa con calquera liña de ordes (p. ex. MS-DOUS). Tamén é de interese, aínda que non é imprescindible, dispoñer dalgún coñecemento previo de conceptos relativos a bases de datos.
-
Programación de aplicacións WEB con J2EE 5: cun total de 60 horas lectivas que se impartirán entre o 2 e o 18 de marzo.
Obxectivos: O curso prepara ao asistente para alcanzar os coñecementos necesarios para levar a cabo a construción e posta en funcionamento de aplicacións corporativas segundo os estándares de Java EE 5, así como os coñecementos e habilidades necesarias para o desenvolvemento de aplicacións Web a partir de Servlets e páxinas JSP empregando o servidor de aplicacións Sun Java System Application Server e Apache Struts framework. Ao longo do curso preséntanse Enterprise JavaBeans (EJB), a Java Persistence API, servlets, JavaServer Pages (JSP), web services, e a tecnoloxía de cliente Java que usa todos eles. O asistente adquirirá experiencia práctica no desenvolvemento dunha aplicación corporativa distribuída end-to-end. Da mesma maneira, móstrase aos/ás alumnos/as os métodos actuais empregados na análise, deseño, desenvolvemento e implantación de aplicacións web con tecnoloxías Java. Como valor engadido da formación a recibir, os contidos do presente curso preparan ao/á alumno/a para superar a certificación "Sun Certified Web Component Developer for the Java Platform, Enterprise Edition 5" (CX-310-083).
Requisitos: Dispor de experiencia previa na linguaxe de programación Java, estar familiarizados/as coa programación distribuída (arquitectura multi-capa), coa teoría das bases de datos relacionais e cos fundamentos da linguaxe estruturada de query’s (SQL) así como saber programar unha páxina web con HTML.
Prazo de inscrición ata o 14 de marzo de 2010
-
Desenvolvemento de aplicacións con Spring, Hibernate & JSF: 64 horas de docencia repartidas entre o 5 e o 29 de abril.
Obxectivos: O curso proporciona aos/ás alumnos/as coñecementos nas últimas tecnoloxías na contorna de desenvolvemento profesional de aplicacións Java na versión J2EE 5 tales como o Framework Spring, o ORM Hibernate, Aspect Oriented Programming (AOP), así como desenvolvementos de aplicacións seguindo o paradigma do Rich Internet Application (RIA) mediante JavaServer Faces e AJAX.
Requisitos: coñecementos previos na plataforma de desenvolvemento J2EE, non só en aspectos concretos dela (linguaxe java, paquetes dispoñibles, etc.) senón tamén en orientación a obxectos, patróns de arquitectura de aplicacións empresariais, patróns de deseño, técnicas de mellora da calidade do software, alta produtividade con contornas de desenvolvemento sofisticadas, así como no modelo de desenvolvemento de Servlets e JavaServer Pages.
-
Implementación de VoIP con Asterisk. 36 horas lectivas que se impartirán entre o 5 e o 15 de abril.
Obxectivos: trasladar aos asistentes os coñecementos necesarios para realizar un despregue de Voz IP e adquirir uns coñecementos sólidos de Asterisk. O curso ten un enfoque práctico para lograr presentar os coñecementos suficientes para instalar o produto OpenSource. Durante o transcurso da formación despregarase unha rede telefónica con troncais IP, RDSI e XTB.
Requisitos: nivel medio de coñecementos do sistema operativo Linux en modo de liña de ordes así como con nocións básicas sobre os sistemas de telefonía convencional.
-
Desenvolvemento de aplicacións WEB con PHP e MySQL sobre Apache. 80 horas lectivas a impartir entre o 6 e o 3o de abril. Este curso conta con dúas edicións, unha en quenda de mañá dirixida prioritariamente a desempregados e outra pola tarde dirixida prioritariamente a traballadores en activo.
Obxectivos: cubrir os fundamentos para construír unha aplicación real Web, usando MySQL e PHP. Este curso foi deseñado co obxectivo de que os estudantes aprendan a desenvolver aplicacións, facendo uso de MySQL, dando cobertura a aspectos tales como o deseño de datos e a programación con MySQL. Durante o desenvolvemento do curso farase especial fincapé en PHP. Como valor engadido da formación a recibir, os contidos do presente curso preparan aos/ás alumnos/as para a obtención da certificación – 200-500 – Zend PHP 5 Certification, homologable á titulación oficial Zend Certified Engineer en PHP 5.
Requisitos: Experiencia básica en deseño de páxinas HTML, engadindo formas do HTML. Experiencia con calquera linguaxe de programación. O manexo de base de datos é moi útil pero non é un requisito.
O número de prazas existente para todos estes cursos é limitado. Todos os inscritos realizarán unha proba técnica para optar ás prazas dispoñibles para cada curso. A data destas probas será anunciada oportunamente na web do CNTG.
As accións formativas realizadas no CNTG están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (80%) e pola Administración do Estado (20%). En todas elas impartirase un módulo de igualdade, cunha duración de 5 horas lectivas, a incrementar sobre as que figuren no programa, cando os cursos sexan de duración menor ou igual a 50 horas, e de 10 horas lectivas cando a duración do curso sexa superior a 50 horas. A asistencia a este módulo é obrigatoria, estando só exento o alumnado que xa teñan realizado este módulo e que o xustifique documentalmente.
