Mancomún

Formación sobre o xestor de contidos Drupal no CDTIC

Xoves, 11 Setembro 2014

Logo de DrupalHoxe, 11 de setembro, desenvolverase no Centro Demostrador TIC o primeiro dos seminarios formativos sobre o xestor de contidos Drupal que se impartirán na sede do CDTIC en Santiago de Compostela. Estes seminarios van dirixidos a profesionais TIC, responsables de xestionar as webs das empresas, ou traballadores autónomos etc. que queiran crear unha páxina web en Drupal ou ben xa administran unha e desexan afondar na súa utilización e na incorporación de máis funcións.

No seminario que comeza hoxe, “Administración básica de Drupal” os asistentes coñecerán os fundamentos de Drupal 7 aprendendo a montalo dende cero e a xestionar unha páxina web utilizando este sistema de xestión de contidos. As prazas para este curso esgotáronse rapidamente, motivo polo que se prevé repetir en Vigo, ao longo do último trimestre do ano, ambos seminarios.

O segundo dos seminarios, “Administración avanzada de Drupal”, celebrarase o vindeiro 1 de outubro en horario de 16.00 a 20.00 horas. Este seminario permitirá aos asistentes afondar na utilización e configuración de Drupal con características avanzadas do sistema.
As persoas interesadas en asistir a este segundo seminario poden inscribirse a través do portal do CDTIC.

O programa completo será o seguinte:

  • Introdución aos sistemas de xestión de contidos
  • Por que Drupal 7?
  • Nodos e imaxes
  • CCK
  • Menús
  • Módulos do core e opcionais
  • Formularios
  • Vistas
  • Galería de imaxes
  • SEO
  • Xestión avanzada de usuarios
  • Internacionalización
  • Copias de seguridade
  • Actualizacións
  • Outros aspectos de mantemento

O encargado de impartir as sesións será Christian von Eitzen, enxeñeiro superior de Telecomunicacións que, desde o ano 1999, traballa desenvolvendo e dirixindo proxectos, e sendo responsable de diferentes sistemas web, comercio electrónico e plataformas en internet.

O xestor de contidos Drupal

Drupal é un sistema de xestión de contidos (CMS) distribuído como software libre baixo licenza GNU/GPL (General Public License). Emprégase para crear sitios web dinámicos e con gran variedade de funcionalidades, xa que permite publicar, entre outros, artigos, imaxes, arquivos, ademais de xestionar servizos como foros, enquisas, votacións, blogs etc. Destaca pola calidade do seu código e das páxinas xeradas, o respecto dos estándares da web, e a usabilidade e consistencia de todo o sistema. A comunidade de Drupal está formada por máis dun millón de persoas de 230 países diferentes e que falan 181 linguas.

Éxito da convocatoria
A demanda entre as pequenas e medianas empresas galegas superou nun 100 % as prazas ofertadas para participar no primeiro dos seminarios, “Administración básica de Drupal”, o que dá conta da excelente acollida da iniciativa entre os profesionais TIC e os responsables da xestión web das empresas, colectivos para os cales están destinadas estas dúas sesións sobre Drupal.

Por este motivo, ante a boa aceptación da primeira das sesións, que se vai impartir o 11 de setembro en Santiago de Compostela e na que as prazas ofertadas se esgotaron rapidamente, prevese repetir en Vigo, ao longo do último trimestre deste ano, a celebración dos dous seminarios, o básico e o avanzado.

Estes seminarios forman parte da oferta formativa en software libre no CDTIC dentro do Plan de Acción en materia de Software Libre 2014.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal