Por primeira vez este ano, as tres universidades do Sistema Universitario Galego contan cunha única Oficina de Software Libre a través do CIXUG, o que permitirá coordinar de forma máis eficaz e efectiva as diversas actuacións de promoción do software libre no ámbito universitario que están recollidas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia.

Se en semanas anteriores dabamos conta da colaboración do persoal desta oficina co Proxecto Trasno na tradución de software libre ao galego como Firefox e LibreOffice, desta volta facémonos eco do inicio das primeiras actuacións formativas das que a OSL ten previsto realizar neste último cuadrimestre do ano.
Así. a proposta do CIXUG e concretamente a través da OSL, a Universidade de Vigo anuncia a convocatoria de dous cursos de formación para PAS co obxectivo de fomentar a adquisición de competencias profesionais e facilitar a migración dos servizos universitarios ao ecosistema do software libre. Concretamente ofrécense dous cursos, que serán impartidos polos técnicos da OSL:
- Curso de Writer, procesador avanzado de textos da suite LibreOffice, unha alternativa a Word
- Curso Primeiros pasos coa distribución de GNU/LINUX da Universidade (UBUNTU)
Curso de Writer, procesador avanzado de textos da suite LibreOffice, unha alternativa a Word
O obxectivo deste curso é que os asistentes sexan quen de usar un procesador de textos de modo correcto, que aprendan a estruturar adecuadamente un documento, a usar estilos, a crear e reutilizar modelos coa ferramenta LibreOffice Writer. A duración do curso é de 10 h distribuídas en horario de 8:30 a 10:30.
A docencia correrá a cargo de Enrique Estévez, actual coordinador da Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego, a través do CIXUG e de Antón Méixome, técnico da OSL na Universidade de Vigo.
O programa do curso é o seguinte:
-
A interface do Writer.
- A estrutura dun documento.
- Os estilos.
- Índices e táboas.
- Crear e usar modelos.
- Extensións de corrección ortográfica.
O curso conta con 3 edicións, unha en cada un dos 3 campus da Uvigo: Ourense, Vigo e Pontevedra nas seguintes datas e lugares:
- Ourense: do 1 ao 3 e do 8 a 9 de outubro na Aula de Informática da Bibliotecas do Campus de Ourense.
- Vigo: do 26 ao 30 de novembro na Sala III do Edificio Miralles do Campus de Vigo
- Pontevedra: do 10 ao 14 de decembro no Campus de Pontevedra en aula por concretar.
Hai un total de 15 prazas ofertadas, para cada unha das edicións, para o PAS incluído no cadro de persoal da Universidade de Vigo, tendo preferencia o destinado naquelas unidades, áreas ou postos que utilicen o computador no día a día. Os asistentes recibirán un certificado de asistencia á finalización do curso.
Os prazos de solicitude estarán abertos ata o:
- 21 de setembro: Ourense
- 16 de novembro: Vigo
- 22 de novembro: Pontevedra
Máis información e detalles para a matriculación:
- http://persoal.uvigo.es/persoal_gl/PAS/formacion/cursos-2012.html
- https://bubela.uvigo.es/curso/1727
Curso Primeiros pasos coa distribución de GNU/LINUX da Universidade (UBUNTU)
Os asistentes adquirirán os coñecementos mínimos para realizar as mesmas tarefas que fan en Windows co sistema GNU/Linux da Universidade: navegar pola Internet, comprimir ficheiros, gravar CD, crear documentos. Ademais ensinaránselle unha serie de boas prácticas relacionadas coa informática.
O curso conta cunha duración de 10 horas e desenvolverase do 22 ao 26 de outubro en horario de 8:30 a 10:30 na aula Catia do Campus de Vigo.
A docencia correrá a cargo de Enrique Estévez, actual coordinador da Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego, a través do CIXUG.
O programa do curso cubrirá a seguinte temática:
- A interface gráfica e a súa configuración-personalización.
- O navegador de ficheiros Nautilus
- Operacións básicas con ficheiros
- LibreOffice, Thunderbird e Firefox
- Instalar e desinstalar programas
- Boas prácticas, estándares
Hai un total de 20 prazas ofertadas para o PAS incluído no cadro de persoal da Universidade de Vigo, tendo preferencia o destinado naquelas unidades, áreas ou postos que utilicen o computador no día a día. Os asistentes recibirán un certificado de asistencia á finalización do curso.
O prazo de solicitude está aberto ata o vindeiro día 15 de outubro. Máis información e detalles para a matriculación:
- http://persoal.uvigo.es/persoal_gl/PAS/formacion/cursos-2012.html
- https://bubela.uvigo.es/curso/1729
Dende a OSL do CIXUG informan que se está xestionando a realización de cursos similares nas outras dúas universidades do SUG.
Estes cursos forman parte das actividades que a OSL do CIXUG realiza ao abeiro do Convenio de Colaboración asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia a través da AMTEGA.
