Mancomún

Fotografía computacional de código aberto. A Franken-cámara

Venres, 4 Setembro 2009

Varios investigadores en ciencia computacional en Stanford están a desenvolver unha cámara de código aberto, totalmente programábel, e altamente adaptábel, que permitirá a investigadores e aficionados á fotografía computacional desenvolver e probar novas ideas e aplicativos, que xa non estarán limitados polas características que os fabricantes de cámaras teñan a ben incluírlles. Este proxecto coñécese como Frankencamera.

O termo fotografía computacional refírese, en senso amplo, ás técnicas algorítmicas que melloran ou estenden as capacidades da fotografía dixital. Estas técnicas inclúen fotografía baixo iluminación estruturada, apertura de obxectivo controlábel, mistura de imaxes panorámica ou multi-perspectiva…
Actualmente, bótase en falta unha cámara portátil e programábel coa suficiente calidade de imaxe e capacidade de proceso que poida ser empregada para a fotografía no día a día. Para tratar con este problema, os investigadores están traballando en dous subproxectos:

  • Fotografía computacional en teléfonos móbiles. Nos últimos tempos, as cámaras dos teléfonos melloraron drasticamente en resolución, calidade óptica e funcionalidades fotográficas. E os teléfonos actuais dispoñen de conectividade a internet, pantallas de alta resolución, e sistemas operativos completos. Os investigadores de Stanford están a aproveitar estas características para desenvolver aplicativos de fotografía computacional para teléfonos móbiles.
  • FrankencameraA Frankencamera de Stanford. A pesar do exposto antes, existen experimentos de fotografía computacional que, simplemente, non poden implementarse nos teléfonos móbiles actuais, ben porque os sensores ou as ópticas non son bos abondo, o procesador non é suficientemente potente, ou as API que conectan a cámara co sistema do móbil son demasiado restritivas. Por iso, están a construír unha cámara de código aberto que funciona con Linux, é programábel e está conectada a internet, e leva lentes Réflex e sensores de calidade. FrankencameraSegundo as súas propias palabras: "O noso prototipo actual está construído a partir de pezas normais, en algúns casos sacadas de cámaras mortas. E é feo. De aí o nome de Frankencamera. O noso obxectivo é distribuír esta plataforma ó mínimo custo a investigadores en fotografía computacional de todo o mundo".

Fonte: Noticia na páxina de novas da Universidade de Stanford, vía Slashdot

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal