Inestable anuncia que este ano ademais da II edición do Cinestable, organiza tamén o I certame de fotografía Creative Commons, ao que deron en chamar FreeLens.
O espírito que hai tras este certame comparte a esencia do Festival Cinestable, que non é outro que dar a coñecer a cultura libre, motivando a creación de obras culturais libres tanto a nivel galego como estatal. A asociación organizadora de ambos certames quere, en resume, transmitir á sociedade unha mensaxe de liberdade, da posibilidade de sentirse dono do que un fai e do que quere compartir con liberdade, e da liberdade de non ser manexado por outros, xa sexan entes privados ou públicos.
Así, tanto as curtas presentadas ao Festival Cinestable, como as fotografías presentadas ao certame FreeLens deberán ter unha licenza Creative Commons. Á hora de escoller o tipo de licenza a incluír na obra coa que se queira participar para que sexa considerada unha obra cultual libre, recoméndase ler os argumentos e razóns polas que non usar unha licenza Creative Commons -NC.
FreeLens
O concurso de fotografía conta con 3 categorías: Xeral, Retrato e Inédita e unha sección especial Fastlens, no que se primará ademais da calidade das fotos a premura en facela e que non sexan imaxes tomadas hai tempo. Para isto faranse minicertames nunha data concreta, cunha ventá temporal relativamente curta para que o participante poida ofrecer a súa visión da temática sobre a que se realiza o minicertame.
O prazo para o envío de obras a concurso abrirase o vindeiro 20 de xuño e permanecerá aberto ata o vindeiro 29 de xullo.
En breve publicaranse tanto as bases completas como os premios a conceder, que se entregarán na gala Cinestable que se realizará o día 5 de agosto de 2011 en Ordes.
Durante todo o mes de setembro de 2011, despois do festival, realizarase unha exposición das obras presentadas ao certame na sala de exposicións do Centro Comarcal de Ordes, situado nas Casillas, na entrada a Ordes dende Santiago. Ademais, crearase unha galería online para que as imaxes estean dispoñibles para a súa visualización sen necesidade de achegarse fisicamente ata Ordes.
Actualmente Inestable está formando o Xurado para este certame, polo que animan a aquelas persoas interesadas en formar parte do mesmo a poñerse con contacto con eles a través do enderezo electrónico freelens@inestable.org
Cinestable
Por segundo ano consecutivo, Inestable organiza o seu festival de Curtametraxes con licenza Creative Commons. Igual que na anterior edición está aberto á participación de calquera persoa sexa ou non residente en Galicia.
Segundo a información proporcionada pola asociación Inestable a través das súas canles en Facebook e Twitter, a convocatoria deste ano está a ser un éxito pois a día de hoxe xa recibiron tantas curtas como na pasada edición e ademais, este ano estase convertendo nunha edición internacional xa que teñen recibido participación dende Basilea, Santa Fe, Valencia, Portugal, Madrid, Alacante, París, Bruxelas, Colombia, Estocolmo, Santander, Oviedo….
Os vídeos presentados a concurso poderán ser de calquera temática en calquera idioma, sempre que inclúan subtítulos nos diálogos que non estean en castelán ou galego. Os traballos poderán ter unha duración entre 2 e 10 minutos, e por suposto ter unha licenza Creative Commons.
Os traballos poderán enviarse ata o 17 de xullo de 2011 ben a través de envío postal ou ben a través da plataforma en liña.
As persoas interesadas en participar deberán consultar as bases completas no web do concurso.
O día 5 de agosto de 2011 farase unha proxección pública dunha selección do material achegado xunto cunha pequena selección de materiais libres xa coñecidos que a organización considere interesantes. Todos estes traballos expoñeranse no auditorio da Casa da Cultura previo á entrega dos galardóns. Todo o material será colgado da páxina web do festival para visionados on-line.
Os premios a outorgar son:
- Premio á mellor curtametraxe: 1000€
- Premio á mellor curtametraxe en galego: 400€ Outorgado pola AC Trasno
- Premio do público: Desvelarase pouco antes do festival
Cinestable e FreeLens forman parte das actividades que Inestable desenvolve ao abeiro do Convenio de Colaboración das AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011.
