Mancomún

FSF lanza un novo proxecto onde listar só as extensións libres para OpenOffice.org

Luns, 10 Maio 2010

Logo da Free Software Foundation A Free Software Foundation anunciou o venres da semana pasada un novo proxecto para montar unha biblioteca alternativa de extensións libres para OpenOffice.org, onde soamente se amosen aquelas extensións para a suite ofimática que sexan libres. 

Na nota de prensa emitida pola FSF mencionan o motivo que os levou a tomar esta decisión, así Peter Brown, director executivo da FSF, comenta que “OpenOffice.org é software libre e unha importante contribución á comunidade do software libre. No entanto, o programa ofrece ao usuario unha biblioteca de extensións na que moitas delas son privativas. Distribuíndo OpenOffice.org do xeito habitual ten o efecto de ofrecer tamén aos seus usuarios extensións non libres”.

Para resolver este inconveniente, a FSF solicitoulle ao OpenOffice.org Community Council a posibilidade de que no seu repositorio de extensións só se incluíran aquelas con licenza libre, ou cando menos, proporcionase un segundo listado independente para estas extensións.
O OpenOffice.org Community Council comunicoulles a súa negativa a cambiar a súa política de aceptación de extensións. Argumentaron que os usuarios son quen de engadir ou eliminar as extensións á súa vontade, o que lles confire a capacidade e liberdade para dispor dunha instalación de OpenOffice.org adaptada ás súas necesidades e preferencias. No OpenOffice.org Community Council cren apaixonadamente nas bondades do FLOSS, incluíndo ás extensións, mais tamén cren que os usuarios deben ser libres para comparar e chegar ás súas propias conclusións. Consideran que o mellor modo de influír nos usuarios para que cambien ao FLOSS é poñer á súa disposición aplicativos FLOSS de calidade que satisfagan as súas necesidades.

A FSF decidiu montar a biblioteca de extensións alternativa na que só se incluirán as extensións libres. Calquera usuario poderá empregar esta nova biblioteca sen máis que facer un pequeno cambio na configuración , sen necesidade de tocar o código de OpenOffice.org. Neste momento, a FSF está á procura de voluntarios que axuden a comprobar a licenza das extensións existentes para identificar as libres, proporcionando un breve texto descritivo para cada unha de modo que poidan ser listadas na nova biblioteca.

Para isto dispoñen dunha listas de correo para a coordinación, unha páxina para o proxecto en LibrePlanet.org con instrucións de como os usuarios e os desenvolvedores poden contribuír a este proxecto. Unha vez estea completada a biblioteca, pedirase aos voluntarios que axuden a desenvolver substitutos libres para as extensións non libres que distribúe actualmente OpenOffice.org.

O OpenOffice.org Community Council lamenta que a FSF non acepte as súas propostas de compromiso para o seu repositorio, e considera que a creación dun repositorio alternativo vai crear confusión entre os usuarios. Mais por outro lado, si están felices de traballar coa FSF animando aos desenvolvedores FLOSS para cubrir areas onde só existen solucións privativas.

Fonte: FSF e OpenOffice.org Community Council

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal