Mancomún

G-ONCE: plataforma libre de e-administración

Xoves, 5 Novembro 2009

Este martes presentouse en Madrid no seminario “Ferramentas de asistencia para o cumprimento da Ley 11/2007” a plataforma G-ONCE.

Arquitectura G-ONCESegundo os seus desenvolvedores, a firma sevillana Guadaltel, trátase dunha innovadora plataforma de e-administración baseada 100% en software libre que unifica nunha única ferramenta de fácil e rápida implantación todos os compoñentes que permiten aos organismos públicos dar cobertura aos requirimentos esixidos pola nova normativa que entra en vigor o vindeiro 1 de xaneiro.

Kevin Guzmán, Director de I+D+i da compañía, explicou as funcionalidades e vantaxes desta nova plataforma ante o horizonte legal que se aproxima argumentando que “en contraposición ao conxunto de solucións independentes existentes até a data, traballouse nunha única ferramenta que, de forma integrada, permite aos organismos públicos xestionar telematicamente a súa relación cos cidadáns e o seguimento interno da mesma”.
Pola súa banda, o Xefe do Departamento de Atención Cidadá e Innovación Tecnolóxica do Concello da Coruña, José María Ares, expuxo a experiencia da implantación de G-ONCE no consistorio coruñés facendo fincapé nas múltiples vantaxes dalgunhas das súas aplicacións, como a axenda de tramitación, o catálogo de procedementos ou o xerador de formularios, entre outros. Así mesmo, puxo de manifesto a súa satisfacción ante os logros conseguidos. “Ademais de dar cumprimento á lei 11/2007, con G-ONCE o Concello da Coruña logrou introducir un novo modelo de xestión”, concluíu Ares.

Na web do proxecto, pódense consultar a presentación completa da plataforma así como en detalle as súas funcionalidades, arquitectura ou como resolve os requirimentos da Ley 11/2007. Tamén teñen dispoñíbeis algúns vídeos de demostración das súas capacidades.

Fonte: EuropaPress

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal