Os vindeiros días 14 e 15 de Xullo vaise celebrar o codesprint de gvSIG no Cartolab da Escola de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Universidade de A Coruña. O codesprint é basicamente unha reunión co obxectivo de xuntar á comunidade de desenvolvedores nun ambiente informal para entre todos arranxar erros, facer melloras ou mesmo implementar novas funcionalidades.

A idea é xuntarse nun mesmo lugar desenvolvedores de gvSIG e desenvolvedores da comunidade cada un co seu computador e unha vez reunidos definir os intereses e puntos sobre os que traballar na xornada, establecer os grupos de traballo en función dos intereses e do número de expertos en gvSIG e poñerse mans á obra.
Seguramente gran parte do traballo realizado durante estes dous días sexa incorporado ás próximas versión de gvSIG así que é unha gran oportunidade para que Galicia participe neste proxecto, e os desenvolvedores galegos poidan facer chegar dun xeito rápido as súas contribucións a gvSIG así como conseguir axuda dos desenvolvedores oficiais.
En resume é unha excelente oportunidade para que as persoas interesadas en achegarse a gvSIG poidan coñecer de primeira man á xente que está detrás do proxecto, coñecer como está montada a súa comunidade e de que maneira pode comezar a colaborar.
Polo momento está confirmada a participación de persoal do propio Cartolab, da empresa galega Icarto membro de AGASOL, e de persoal do Servizo de "Coordinación e Información Territorial" da Xunta de Galicia.
Aínda que non se trata dun curso de programación con gvSIG, senón dunha sesión de traballo en comunidade, o evento está aberto á participación de desenvolvedores pouco experimentados. Segundo recollen no wiki do evento, “se sabes o que é compilar, se eclipse é algo máis que un fenómeno astronómico para ti e sénteste con gañas de aprender, tamén podes asistir”.
Aqueles que teñan intención de asistir só deben inscribirse no wiki para facilitar a organización do evento. A participación é completamente gratuíta.
