- O 23 e 24 de Outubro celebraranse en Santiago de Compostela as VI Xornadas hispanas de usuarios do software estatístico R.
- Máis de 100 persoas xa están inscritas para asistir ás xornadas.
- O prazo para envío de propostas de relatorios ou obradoiros remata o vindeiro 31 de xullo.
Se hai uns días falabamos de que Galicia acollerá o I Encontro ibérico de tradutores de software libre a linguas minorizadas, hoxe é a quenda de falar da VI edición das Xornadas hispanas de usuarios do Software Estatístico R, que se celebrarán os días 23 e 24 de outubro de 2014 no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Santiago de Compostela.
Logo do éxito das I xornadas de usuario de R de Galicia organizadas pola asociación Melisa o ano pasado, que xuntaron a máis de 70 persoas interesadas neste interesante e potente software de análise estatística, a asociación Melisa decidiu colaborar coa comunidade R Hispano, para traer á nosa comunidade a reunión anual de usuarios de fala hispana do software estatístico R.
Dende a organización afirman que están a recibir propostas de presentacións ou obradoiros para estas xornadas a un bo ritmo, aínda que agardan recibir moitas máis para completar así un interesante programa.
Segundo datos da organización, xa hai unhas 100 persoas inscritas para asistir a esta xuntanza anual, tanto de forma presencial como a distancia, xa que está previsto emitir en streaming en aberto as principais actividades da xornada.
Envío de propostas de participación
Usuarios e entusiastas de R de todos os ámbitos, universidade, institutos de investigación, administracións públicas, empresa privada, etc están convidados a participar nestas xornadas e compartir coa comunidade aplicacións e exemplos interesantes de uso, que reflictan a madurez de R, a diversidade de campos e problemas que permite resolver, etc.
Pode participarse de 3 formas diferentes:
- Comunicacións breves de 5 minutos, onde o poñente expón en 3 diapositivas de forma breve e concisa, quen é, que fai con R , e que resultados ou conclusións extrae da súa experiencia, que poidan ser de interese para outras persoas.
- Comunicacións orais de 15 minutos seguidas dunha discusión de 5 minutos
- Obradoiros de 2 horas, onde se expliquen paquetes, procedementos ou programas de R.
(Os tempos son orientativos, poden sufrir modificacións unha vez se compoña o programa finla e en función do o número de participantes.)
O 31 de xullo remata o prazo para recibir propostas, que serán valoradas polo comité e a mediados de setembro confirmaranse cales son os traballos e obradoiros aceptados e que conformarán o programa das xornadas.
Para remitir as propostas hai que facelo a través do formulario de participación habilitado aos efectos.
Asistencia gratuíta
A asistencia ás xornadas é gratuíta sendo preciso rexistrarse previamente, a través do formulario de inscrición. Aquelas persoas que desexen asistir a distancia por streaming, recoméndaselles que se inscriban tamén indicando dita modalidade, para que a organización poida mantelos informados en todo momento durante as xornadas de como seguilas adecuadamente.
Finalmente, indicar que Renfe ofrece un desconto do 30% nos billetes de tren adquiridos para viaxar ás xornadas (válido só para viaxar entre o 21/10 e o 26/10). Os interesados nesta oferta poden consultar as indicacións na páxina das xornadas.
Estas xornadas forman parte das actividades que MeLiSA realiza ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.
